Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

OS NOVOS ORZAMENTOS RENOVAN A APOSTA POLO SOCIAL E INCREMENTAN O APOIO AO TECIDO ASOCIATIVO

A corporación municipal de Cedeira aprobou na reunión ordinaria do pleno celebrada onte, co apoio do PSdeG, a abstención do BNG e o voto en contra do PP, o orzamento para o exercicio 2022. O presuposto ascende a 6.317.604,81€ un 0,04% máis que o pasado ano e presentouse ante os grupos municipais xunto cun informe de Intervención que, baseándose tanto no propio proxecto contable como nos resultados de anos anteriores, acredita a estabilidade financeira da institución municipal. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, destacou que este ano o Concello volve facer unha aposta polos Servizos Sociais, mantendo o orzamento do pasado ano (1.080.000€) pese a que o plan provincial neste capítulo é máis reducido, e que se incrementan os recursos destinados a impulsar o tecido asociativo da propia vila.

As contas elaboradas polo goberno local para o presente ano contemplan un total de 552.253,33€ para investimentos. Entre os proxectos a acometer destacan os consignados con cargo ao POS+2022, entre eles unha nova ampliación do saneamento nas Pontigas (99.963,73€) e a mellora do camiño municipal que pasa pola zona de Cordobelas, na parroquia de San Fiz de Esteiro, para dotalo dun ancho de catro metros para o tráfico rodado e dunha senda peonil (80.995,03€). A estes investimentos súmanse dous proxectos incluídos no Plan Complementario da Deputación para dotar de rede separativa a diferentes rúas do casco urbán en Cedeira, cun investimento de 109.797,31€, así como outro de renovación do alumeado público nas avenidas Area e Castelao (84.666,12€) e o de cubrición do parque infantil da praza Floreal (70.730,88€). Xunto a estas actuacións, os orzamentos contemplan outros investimentos de menor importe e que o Concello vai acometer con recursos propios, como unha nova pista de pádel e novas moquetas para este deporte por valor de 26.000 euros.

Cómpre destacar tamén que o Concello incrementa este ano a partida destinada a impulsar o tecido asociativo do municipio, tanto no eido cultural, social e educativo, como no deportivo. Así, as contas de 2022 contemplan 293.735,3€ para subvencións, dos que 76.000€ son para as convocatorias de axudas en réxime de concorrencia competitiva e o resto son achegas a traves de convenios nominativos para entidades como Protección Civil, Cruz Roxa, Apader, Sobre Rodas, ABAC, as ANPAs Pica Peixe e O Beco, a asociación San Andrés de Teixido, A Crina a Escola de Música Vila de Cedeira, Mares, ARCE, a Banda de Música, a Confraría de Pescadores e a Asociación de Caza e Pesca de Cedeira. Tamén van neste capítulo as achegas do Concello de Cedeira para a FEMP e a FEGAMP, a asociación Seitura, os grupos políticos municipais e a Mancomunidade. Súmase a estas subvencións a aportación que o Concello de Cedeira fai este ano á asociación de promoción do proxecto do Xeoparque Cabo Ortegal, precisamente no momento máis determinante da iniciativa , e que equivale a tres euros por habitante.

Ao igual que o pasado ano e cumprindo o seu compromiso, o goberno local reservou tamén nas contas de 2022 unha partida de 20.000€ para os orzamentos participativos, que se distribuirán e executarán a través dun proceso democrático protagonizado polo alumnado de 4º de ESO do IES Punta Candieira, ao igual que sucedeu en 2021. No eido de Cultura, dótase este ano unha partida para a musealización dos fondos donados polo historiador Rafael Usero, e no de Servizos Sociais habilítanse fondos para continuar co programa de traballo previsto no Plan de Igualdade aprobado en 2021. Tamén, como en anos anteriores, están reservados os fondos dunha nova campaña na escavación arqueolóxica no Castro Sarridal.

Moreda Gil subliñou tamén que o goberno local reservou recursos nos orzamentos para organizar este ano unha festas de verán nun contexto sanitario que se prevé máis normalizado e explicou que o seu equipo está a traballar xa para poder ofrecer un cartel atractivo.