Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

UNÁNIME REXEITAMENTO DA CORPORACIÓN CEDEIRESA AO PROXECTO DO PARQUE EÓLICO MARIÑO NORDÉS

O pleno do Concello de Cedeira aprobou na reunión da pasada semana a súa unánime adhesión ao manifesto de rexeitamento ao parque eólico marino flotante Nordés, que promove a sociedade formada por Bluefloat Energy e Sener Renewable Investments. A totalidade da corporación súmase así, a través dunha moción do grupo de goberno que aprobou previamente a Xunta de Portavoces, ao documento xa asinado pola Federación Galega de Confrarías de Pescadores e outras 28 organizacións empresariais do sector, defendendo que “a pesca en si mesma xa forma parte da solución para paliar o cambio climático” e rexeitando a instalación polo seu impacto na biodiversidade do ecosistema mariño.

O Concello de Cedeira, que é unha das institucións consultadas no procemento de determinación do impacto ambiental do proxecto, adianta así a súa postura con respecto a este proxecto, que afecta aos máis de 4.300 barcos e 12.000 pescadores que traballan no caladoiro nacional do Cantábrico-Noroeste, así como aos 48.000 postos indirectos que esta actividade soporta en terra. A corporación concorda, na súa posición, co rexeitamento tamén expresado por parte da Confraría de Pescadores da propia vila e sae en defensa dun sector esencial para a economía local.

O rexeitamento ao parque eólico marino Nordés arguméntase pola contaminación acústica que producirían os molinos eólicos e as consecuencias do ruído sobre aves e mamíferos mariños, así como polos cambios nas olas e correntes mariñas e o efecto que tería isto sobre os sustratos e a biodiversidade. Xunto con estes puntos, o manifesto alude ás grandes incógnitas que existen sobre o verdadeiro impacto destes parques eólicos mariños e invoca o “principio de precaución antes de proceder a calquera desenvolvemento destas industrias nos nosos mares, pois non se pode xogar coa natureza nin co futuro de moitas familias”.

O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, expresou o apoio totaldo goberno local á Confraría de Cedeira e a todas as familias que na vila viven do mar. Avanzou que o Concello presentará alegacións ao proxecto diante do Ministerio.