O CONCELLO DE CEDEIRA CONTARÁ CON APADER PARA O ACENDIDO DAS LUCES DE NADAL O VINDEIRO DÍA 5
O Concello de Cedeira celebrará o vindeiro martes día 5 o acto de acendido das luces de Nadal. Ás 18.15 horas aproximadamente iluminarase a árbore situada na praza do Peixe, un dos elementos máis destacados dunha decoración que, un ano máis, tenta chegar a máis rincones das parroquias e que vai contribuír a dinamizar a campaña de vendas do comercio e a hostalería local. Segundo explicou o concelleiro Noel López, no acto darase o protagonismo a un grupo de persoas usuarias de Apader, que intervirán amosando unha vez máis o seu forte vencello con Cedeira. Tamén haberá música, a cargo da profesora de violín Florencia Pagnucco e varias das súas alumnas.
De novo este ano haberá un teito de luz nas rúas principais do casco vello e na alameda e colocaranse elementos destacados nas prazas do Peixe e Marieta, a devandita árbore e un reno no que a xente poderá subirse, así como noutros espazos do municipio. Cómpre destacar que a decoración da zona vella completarase este ano con elementos realizados co materiais de refugallo no proxecto “Tecendo redes” da Concellería de Igualdade.
O goberno local adiantou algúns aspectos da programación de Nadal deste ano, entre os que está a recuperación do campamento “Concilia”, un programa que ofrecerá actividades a nenos e nenas durante as mañás do período vacacional para facilitar a conciliación de vida laboral e familiar. O Polideportivo Municipal acollerá de novo unha amplísima variedade de actividades e xogos –con inchables, realidade virtual e un longo etcétera- para garantir alternativas de ocio baixo abrigo en horario de tarde. A esta oferta sumaranse tamén dúas festas acuáticas na piscina municipal.
Tamén informa o goberno municipal que se vai organizar de novo unha Festa de Fin de Ano na Praza Roxa e outra para Reis, dado o éxito que tivo a do pasado ano –cando se trasladara para esa data a que non puido celebrarse o 31 polo temporal-.
Cómpre resaltar tamén que coa chegada das luces de Nadal comeza a campaña de vendas navideñas do comercio cedeirés, que unha vez máis vai desenvolver co apoio do Concello o sorteo de máis de 3.000€ en premios. Os establecementos comezarán a repartir a vindeira semana entre os seus clientes as rifas coas que poderán entrar no sorteo. A práctica totalidade dos negocios de Cedeira adoitan participar nesta campaña, durante a que tamén decoran os seus locais con luces, alfombras vermellas e outros elementos.