Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

REUNIÓN CON PORTOS PARA TRATAR SOBRE O SANEAMENTO E A POSIBLE CREACIÓN DE AMARRES DEPORTIVOS

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, e o concelleiro José Antonio Rodríguez mantiveron onte unha reunión co presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez Vidal, para abordar diferentes cuestións entre as que estiveron a necesidade de realizar as obras de saneamento na zona portuaria da localidade e a posible creación dun porto deportivo na localidade. Moreda Gil destacou o clima de diálogo e a vontade de colaboración que as dúas partes amosaron no encontro.

En canto ao saneamento, os representantes do Concello incidiron en que a falta dunha correcta recollida e tratamento das augas residuais e pluviais desta zona incide na calidade da auga da ría e na actividade do marisqueo. Portos de Galicia comprometeuse a analizar esta demanda.

A creación do porto deportivo foi outro dos temas que se abordaron na reunión, celebrada na sede de Portos de Galicia na Coruña. Tal como explicou Moreda Gil, o goberno local é consciente de que as condicións da ría de Cedeira non permiten un gran número de amarres, pero si existe a posibilidade de crear entre 50 e 60 prazas para embarcacións de recreo. A idea foi ben acollida polo responsable de Portos, de maneira que o goberno municipal de Cedeira vai elaborar un estudo técnico que apoie a viabilidade da actuación.

Por último, o encontro foi aproveitado por Moreda e Rodríguez para presentar unha demanda da Confraría de Pescadores respecto ao estado do seu edificio. Segundo explicou o alcalde, o inmoble presenta humidades e outros problemas que cómpre resolver.