Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CLIA DE CEDEIRA ESTREOUSE NO XI FORO DA INFANCIA UNICEF QUE SE CELEBROU ONTE NO PARLAMENTO GALEGO

O Consello Local da Infancia e Adolescencia de Cedeira participou onte no XI Foro da Infancia Unicef que se desenvolveu no Parlamento de Galicia, no que tamén tomaron a palabra integrantes dos outros once municipios que contan con este organismo de participación. Anxo Moreda actuou como voceiro do CLIA cedeirés e abriu a quenda de intervencións subliñando a importancia de que nenos, nenas a mocedade conten á hora de deseñar políticas públicas e poidan opinar sobre os cambios que se producen na sociedade “porque a nós tamén nos afectan”.
O voceiro do CLIA de Cedeira apelou ao Parlamento Galego para que faga seus os mesmos obxectivos que ten o consello local e garanta que a infancia e adolescencia ten voz tamén na Xunta de Galicia.

Xunto co consello de Cedeira participaron na sesión representantes dos organismos de participación de Laracha, A Coruña, Burela, Nigrán, Moeche, Ponteareas, Redondela, Teo, Tomiño e Viveiro. Cómpre recordar que o CLIA cedeirés acaba de crearse –o pleno de aprobación do seu regulamento celebrouse o pasado día 17- e está formado por trinta nenos e nenas, rapaces e rapazas tanto do CEIP Nicolás do Río como do IES Punta Candieira.