Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO CONSOLIDA OS ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS CO CONCURSO DO ALUMNADO DO IES PUNTA CANDIEIRA

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, e a concelleira delegada de Participación e Mocidade, Carmela Prieto, presentaron o pasado venres no IES Punta Candieira o proxecto de Orzamentos Participativos para o presente ano 2022. Desta volta un total de 60 alumnos e alumnas, que cursan 3º da ESO e que teñen, na súa maioría, 14 anos cumpridos, están encargados de debater e decidir sobre o destino dunha partida de 20.000€ do presuposto municipal.

O Concello de Cedeira desenvolveu o pasado ano a súa primeira experiencia de Orzamentos Participativos, daquela co curso de 4º da ESO. Do proceso saiu o parque de calistenia que se inaugurou o pasado verán na zona do Camiño Real e un ciclo de autocine.

O proceso, de novo este ano, implica directamente á comunidade escolar do IES Punta Candieira, que vai traballar en estreita colaboración co Concello durante os vindeiros meses. Como no pasado curso, os mozos e mozas van debater diferentes propostas, que poden corresponder a calquera área de xestión municipal (cultura, deporte, medio ambiente, obras, urbanismo, servizos sociais e igualdade) ao tempo que aprenden o funcionamento da administración municipal e os seus órganos de decisión.

Neste mes de febreiro, realizaranse as primeiras sesións formativas para que o alumnado coñeza o funcionamento interno do Concello, quen o compón e como se toman decisións dentro das súas competencias. Isto facilitará a elaboración posterior de propostas por parte dos rapaces e rapazas, que redactarán proxectos acordes á capacidade da administración local. Xa no mes de marzo terán lugar as catro sesións de análise do territorio e problemáticas a resolver ademais das últimas sesións formativas, nas que aprenderán a confeccionar os distintos proxectos. O alumnado debaterá ademais sobre os beneficios de cada proxecto para a comunidade, baixo pautas de solidariedade e equilibro entre parroquias e colectivos.

Cada semana, o alumnado avanzará nas horas de titoría sobre o contido impartido na sesión anterior, recollendo información e perfilando as súas propostas, co ánimo de ser entregadas ao Concello a inicios do mes de abril. O persoal técnico municipal fará a continuación unha análise das ideas do alumnado (para ver se entran dentro das competencias municipais e son viables técnica, económica e xuridicamente) e redactará un informe de viabilidade por cada proposta.