Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO MELLORARÁ A XESTIÓN DE RESIDUOS COA INCORPORACIÓN DUN PUNTO LIMPO ITINERANTE

O goberno local de Cedeira acaba de solicitar unha subvención á Xunta de Galicia para a adquisición dun camión con caixa aberta para o depósito de enseres que funcionará como un punto limpo itinerante. A iniciativa acóllese a unha liña de axudas cofinanciadas con fondos Next Generation e dirixidas a mellorar a xestión de residuos de competencia municipal. Segundo informou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, o vehículo ten un presuposto de 60.501,63€ (IVE incluído) e a subvención cubriría 55.000€.

O Concello de Cedeira dispón actualmente de recollida separada de envases lixeiros, papelcartón e vidro, así como dun servizo de recollidas periódicas de residuos voluminosos porta a porta e colectores de roupa e de aceite de cociña usado. Ademais, a poboación ten ao seu servizo un punto limpo situado no polígono da Xunqueira, ao que se poden levar enseres os mércores de 16.00 a 20.00 horas e os sábados de 10.00 a 14.00 horas.

Porén, a incorporación do punto limpo itinerante vai servir para mellorar a xestión dos residuos aportando maior proximidade á veciñanza. O goberno local confía en que a medida contribua a reducir o depósito incontrolado de residuos.

O punto limpo itinerante fuincionará cun camión lixeiro, de ata 3.500 quilos, cun guindastre para a recollida e unha caixa aberta que terá diferentes compartimentos e bolsas nas que se irán depositando os diferentes tipos de residuos, como pequenos electrodomésticos, roupa, aceite, pintura e disolventes, lámpadas e tubos fluorescentes, pilas e baterías… O Concello irá anunciando os días nos que o vehículo vai ás diferentes parroquias do municipio e o lugar no que estará estacionado, para que os veciños e veciñas poidan achegar o que queiran tirar.