Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO CELEBRA A POSTA EN MARCHA DAS OBRAS DE RECUPERACIÓN DAS VELLAS CETARIAS DO SARRIDAL

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, visitou hoxe co xefe da Demarcación de Costas de Galicia, Rafael Eimil, e o enxeñeiro xefe do mesmo organismo, Carlos Gil, as obras de recuperación das antigas cetarias do Sarridal, que acaban de comezar. O Ministerio de Transición Ecolóxica financia con 340.600€ este proxecto, que o alcalde considerou importantísimo para a posta en valor da tradición pesqueira da vila. “Temos que agradecer o compromiso do Goberno coa recuperación de parte da nosa historia, porque garante que se manteña a memoria de como se traballaba nestas estruturas –comentou Moreda-; e tamén porque vai ser un atractivo máis nun lugar que xa é un tesouro desde o punto de vista turístico, co xacemento arqueolóxico do Sarridal, o Castelo da Concepción, un mirador espectacular e a praia das Sonreiras, todo concentrado no mesmo lugar”.

O proxecto, que executa a empresa Tragsa, ten un prazo de tres meses. A intervención vai consistir, por un lado, na recuperación e consolidación das vellas estruturas das cetarias, e por outro, na adecuación dos accesos –que permitirán achegarse ata elas- e tamén na creación dun miradoiro na parte alta do cantil, no que haberá un panel explicativo sobre como funcionaban e como se traballaba nestas vellas piscinas de mar, onde se gardaba e engordaba o marisco vivo que logo se comercializaba a nivel nacional.

O goberno local de Cedeira recuperou este proxecto no anterior mandato, despois de que quedara paralizado por problemas técnicos desde o ano 2011. Así, o Concello encargouse do informe de impacto ambiental e Demarcación de Costas someteuno a exposición pública a finais de 2018 e tramitou a addenda necesaria para actualizalo e corrixir os problemas que se detectaran no pasado.

Xunto con esta actuación, o Ministerio de Transición Ecolóxica está a tramitar o proxecto de rexeneración da praia da Magdalena, valorado nuns 2,3 millóns de euros. Segundo se puxo de manifesto na visita de hoxe, as previsións de Demarcación de Costas pasan por ter en marcha a mediados do próximo ano as obras de rexeneración da praia. O proxecto superou o período de alegacións e está pendiente a licitación das obras.