Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

FONDOS NEXT GENERATION PARA O PROXECTO DO XEOPARQUE CABO ORTEGAL

O Plan de Sostenibilidade Turística en Destino do proxecto do Xeoparque Cabo Ortegal vai recibir o impulso dos fondos Next Generation, segundo o acordo acadado entre o Goberno do Estado e a Xunta de Galicia. Desde o Concello de Cedeira, o alcalde Pablo Diego Moreda Gil subliñou que é unha moi boa noticia, xa que significa contar co respaldo económico preciso para desenvolver a estratexia xa definida, que repercutirá de xeito moi importante tanto no impulso turístico como no desenvolvemento do territorio.

O proxecto do Xeoparque é un dos nove seleccionados entre os 19 que optaban á convocatoria dos fondos Next Generation no capítulo de Plans de Sostenibilidade Turística en Destino. Os criterios de valoración centráronse na transición verde e sostible, a eficiencia enerxética, a transición dixital e a competitividade.

Nos vindeiros días coñecerase o importe concreto da achega que corresponde ao proxecto de Xeoparque, dos 14,6 millóns de euros que se van repartir entre os nove seleccionados. E a final deste mes saberemos se finalmente o do Cabo Ortegal é unha das dúas candidaturas oficiais propostas polo Estado para obter o selo da Unesco como “GlobalGeopark”. Máis información: https://bit.ly/3EQagCI