Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CEDEIRA MELLORARÁ MÁIS DE 1,6KM DE CAMIÑOS MUNICIPAIS CON CARGO Á SEGUNDA FASE DO POS+ADICIONAL

O Concello de Cedeira vai acometer, con cargo á segunda fase do POS+Adicional 2021, o proxecto de mellora dos firmes nos viais que dan acceso aos núcleos rurais de Santallamar, Corcobelas, Magoira e Os Candales. Son, en total, máis de 1,6 quilómetros de camiños municipais nos que, con esta actuación presupostada en 41.489,47€, se vai incrementar a seguridade do tráfico rodado.

Segundo informou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, nestas obras vaise investir a cantidade que quedaba despois da aplicación da primeira fase do programa provincial. Así, o Concello de Cedeira contaba cun orzamento do POS+Adicional de 241.926,09€, dos que estaban pendentes de gastar 21.993,31€ tras adicar 219.932,78€ ao proxecto de Mellora das beirarrúas na Avenida de España, as rúas Ponte Nova, José Pascual Lopez Cor, Salinas e Camiño de Pitilleira. O arranxo dos catro camiños municipais que se acomete agora ten un presuposto de 41.489,47€, polo que a cantidade que achega a institución provincial vai ser complementada con outros 19.494,16€ de orzamento municipal.

Nos catro casos, a actuación vai consistir no reforzo e tratamento do firme existente, que se atopa deteriorado polo tráfico e o efecto das choivas. O vial de Santallamar é o que dá acceso ao núcleo de vivendas máis importante dos catro. As obras afectarán a un tramo de 221 metros de lonxitude, cun ancho medio de 3,10 metros. No caso do vial de Corcobelas, que sae da estrada AC-566 para enlazar co devandito núcleo, o camiño ten 410 metros de lonxitude e un ancho medio de 3,10 metros.

Na zona de Magoira vaise actuar en dous camiños, un de 240 metros de percorrido e outro de 316, ambos os dous cun ancho medio de 3,10 metros. Por último, no camiño dos Candales, que ten o mesmo ancho, as obras afectarán a 447 metros de lonxitude.

Os traballos consistirán na limpeza das gabias para aproveitar todo o ancho dos viais e na aplicación en quente dunha capa de cinco centímetros de espesor de aglomerado asfáltico.