Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO ACOMETE UNHAS OBRAS URXENTES DE REPOSICIÓN DE PARTE DA CUBERTA DO POLIDEPORTIVO

O Concello de Cedeira acaba de contratar unhas obras para a substitución de parte da cuberta do ximnasio do polideportivo municipal, co obxectivo de resolver o problema de filtración de auga que se está a producir nesta parte da instalación. Desde o goberno local informan de que a actuación ten un orzamento de preto de 8.500€ e a actuación se está a executar xa, de maneira urxente, para evitar maiores problemas.

A empresa Ben-Ferreiro acomete a actuación, que consiste na desmontaxe da cuberta e o caleiro actual do ximnasio, o subministro e montaxe dun novo caleiro en chapa de aluminio e subministro e montaxe da cuberta en chapa prelacada, incluída unha parte de doble capa translúcida.

O polideportivo municipal de Cedeira é unha instalación con 30 anos de vida na que o Concello executa habitualmente diferentes obras de mantemento. Estase a tramitar, a maiores, unha intervención valorada en 187.000€ que se vai acometer a través dun convenio de colaboración coa Deputación da Coruña e que vai consistir na reposición do pavimento da pista polideportiva e as zonas anexas e a instalación dun novo marcador.