Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O AUDITORIO ACOLLE O SÁBADO SE PECHAS OS OLLOS, UNHA PEZA DE TRÉMOLA TEATRO SOBRE A VIOLENCIA DE XÉNERO

O Auditorio de Cedeira acollerá este sábado, día 19, a representación da peza de Trémola Teatro Se pechas os ollos. A obra vai dirixida a un público adulto e amosa a realidade de violencia de xénero. A cita será ás 20.00 horas e as persoas interesadas en asistir poden reservar con antelación a súa entrada –o prezo é de 2,5€– a través do Whatsapp no número 649 876 614 ou enviando un mail a enrique.vazquez@cedeira.gal.

Lucía Golán e Paula Regueiro son as dúas intérpretes de Se pechas os ollos e tamén as integrantes de Trémola Teatro, unha compañía xurdida da Escola Superior de Arte Dramático de Galicia a finais de 2017 e que ten producido varios espectáculos tanto para o público infantil como adulto. Neste caso, a obra parte dun texto da dramaturga Carmen Abizenda no que se conta como un amor de xuventude vai evolucionando cara a unha relación de violencia e control.

Antes, o xoves, o Auditorio acollerá unha charla informativa sobre a nova tarifa eléctrica e as formas para aforrar na factura. A charla, que comezará ás 20.00 horas, correrá a cargo de J. Andrés Breijo, experto na materia e colaborador do Instituto Galego de Consumo e de diferentes asociacións de consumidores e usuarios.