Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A CONCELLERÍA DE CULTURA PON EN MARCHA UN NOVO CURSO DE ACTIVIDADES PARA MAIORES E PEQUENOS

A Concellería de Cultura do Concello de Cedeira informa de que están de novo en marcha, ao igual que o ano pasado, os cursos de inglés, pintura, tapices e xadrez, que se van desenvolver ata o vindeiro mes de xuño. Desde o departamento que dirixe Ermitas García recórdase que estas actividades están bonificadas para familias con ingresos por debaixo do IPREM, familias numerosas, monoparentais, aquelas que inscriban a dous ou máis irmáns menores de 18 anos e para maiores cuxos rendementos económicos brutos per cápita non superen o 125% do IPREM.

As persoas interesadas en apuntarse nalgunha destas actividades poden facelo na Oficina de Turismo, no Palacete. Este ano repítense os horarios e lugares de impartición do curso pasado, no caso das clases de pintura tanto en Cedeira como nas parroquias de Cervo, Esteiro e San Román.

Non hai límite de idades salvo para o inglés, que vai dirixido a nenos e nenas de entre 5 e 11 anos. Desde a Concellería de Cultura infórmase de que neste semestre se organizarán tamén, en datas por concretar, tres obradoiros e un curso. Os primeiros serán de iniciación á fotografía –en dúas xornadas-, de creatividade –tamén en dúas sesións- e un terceiro taller titulado “O cesto dos tesouros”, que irá dirixido á estimulación sensorial de bebés de 6 a 18 meses e que se desenvolverá nunha única xornada.

Tamén promoverá o Concello un curso de cinco semanas –cunha sesión semanal- no que se abordarán as claves dunha boa nutrición.