MATERIAL DEPORTIVO, CENTRO MUSICAL E PARQUE CANINO, ENTRE AS PROPOSTAS DOS ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS
O alumnado de 3º de ESO do IES Punta Candieira ten listas xa catro propostas para os Orzamentos Participativos de Cedeira que serán sometidos a votación en asemblea o vindeiro día 26. A terceira edición deste proceso democrático, no que o Concello reserva 20.000€ das súas contas para investilos no que decidan os mozos e mozas do instituto, culminará o 5 de maio nun pleno extraordinario no que eles defenderán a súa proposta final e que servirá tamén para aprobar a constitución do Consello Local da Infancia e Adolescencia.
Un total de 47 alumnas e alumnos de 3º de Secundaria foron este ano os implicados no proceso de Orzamentos Participativos, que se desenvolve por terceiro ano consecutivo en Cedeira. Nos últimos meses recibiron formación sobre a elaboración de proxectos, diagnóstico do territorio e funcionamento da administración municipal e as súas competencias. Pasaron despois a elaborar propostas de gasto que, como xa sucedeu en anos anteriores, están moi centradas no eido do deporte e na programación de actividades culturais. A concelleira de Participación Cidadá e Xuventude, Carmela Prieto, destaca a excelente experiencia que supón este proceso “para os rapaces e rapazas, porque coñecen en primeira persoa os procedementos e condicionantes que ten o goberno local para sacar adiante calquera iniciativa, e tamén para os propios políticos, porque podemos escoitar directamente as demandas das novas xeracións”.
Finalmente, as propostas viables que serán elevadas á asemblea de votación do vindeiro mércores son as seguintes:
CEDEIRA RESPIRA DEPORTE / ADQUISICIÓN DE EQUIPAMENTO DEPORTIVO PARA O XIMNASIO MUNICIPAL, por importe de 22.602,47€. Na proposta inclúense varios xogos de halteres, ketlebel ou pesas rusas, moble de baldas para gardar este material e 8 máquinas para o fortalecemento de diversos músculos e partes do corpo (dorsais, abductores, femorais, glúteos, deltoides, etc.)
LUZ NO SKATE BOWL, consistente nun punto de iluminación para o paseo marítimo na zona do skate bowl (2 proxectores de luz instalados nunha columna) por importe de 4.694,05€.
CENTRO MUSICAL, coa adquisición de equipamentos musicais e para poder gravar cancións, coa idea de formar grupos musicais ou bandas por importe de 5.000,00€
PUPPY PARK ou construción dun parque canino na Rúa Ortigueira 16, con valado de madeira para peche e porta de dobre acceso, cartel indicativo en poste de madeira. Inclúe a instalación de varios módulos, como slalom, módulo de pasarela, de roda de detención e túnel para cans, ademais de papeleira. Esta iniciativa vai á asemblea por importe de 26.065,99€
Aínda que algunhas destas propostas exceden da cifra de 20.000€ reservada aos Orzamentos Participativos, o Concello de Cedeira decidiu incorporalas igualmente. Outras non chegaron a esta fase final por estar xa en proxecto ou mesmo en funcionamento e algunhas quedaron fóra por ser inviables técnica ou economicamente, como unha nota piscina municipal, a creación dun carril bici, unha boleira ou unha pista de karts.
A asemblea do vindeiro día 26 celebrarase no salón de actos do IES Punta Candieira. O alumnado elixirá a representación que vai levar diante do pleno da corporación municipal o resultado da súa votación, o vindeiro 5 de maio.