Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O MINISTERIO PUBLICA A DECLARACIÓN AMBIENTAL DO PROXECTO DE REXENERACIÓN DA PRAIA DA MADALENA

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico publicou no Boletín Oficial do Estado a declaración de impacto ambiental do proxecto de rexeneración da praia cedeiresa da Madalena. A actuación, dirixida a acabar definitivamente co desequilibrio que afecta ao areal e que fai que o seu cordón dunar estea retrocedendo, terá un orzamento de execución duns 2,4 millóns de euros. Co cumprimento deste trámite queda xa unicamente pendente a licitación do proxecto de execución.

Os problemas da praia cedeiresa da Madalena veñen de finais da década dos noventa. Prodúcese desde aquela un retroceso da liña de costa que afecta ao cordón dunar e que, ata o de agora, se combatiu con sucesivos aportes de area que amosaron non ser máis que solucións provisionais. O goberno local de Cedeira comezou a traballar na procura dunha solución definitiva xa no anterior bipartito, coa colaboración do BNG e Anova e coa implicación da Plataforma en Defensa da Ría, así como da Confraría de Pescadores. Despois de diferentes xestións e dunha reunión en Madrid do alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, co subdirector xeral para a Protección da Costa, Ángel Muñoz Cubillo, a Demarcación de Costas licitou, en febreiro de 2019, a redacción do proxecto e o estudo de impacto ambiental. A pandemia ralentizou un pouco a finalización destes traballos, que finalmente foron sometidos a exposición en 2021.

O proxecto que prevé acometer o Ministerio para a Transición Ecolóxica vai afectar fundamentalmente á metade septentrional da praia. Construirase un espigón corto na marxe esquerda de desembocadura do Condomiñas e un encauzamento da desembocadura do rego da Veiga, na parte central da Madalena, así como movementos de area que garantizán un ancho de praia seca mínimo de 55 metros na parte dunar máis afectada polos temporais. Para rematar, o proxecto abrangue a repoboación con vexetación autóctona que contribuirá a manter o equilibrio dinámico da zona.