Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A DEPUTACIÓN LICITA AS OBRAS DE RECTIFICACIÓN DA CURVA DE TIDE, NA ESTRADA PROVINCIAL A SANTO ANDRÉ

A Deputación da Coruña sacou a concurso a obra de rectificación do trazado da estrada provincial DP 2206, a que leva a San André, para eliminar a pronunciada curva de Tide pola que os vehículos teñen que circular a 30km/hora e que dificulta moito o paso dos numerosos autobuses que se dirixen ao núcleo de Teixido. Sae a licitación este proxecto despois de que a administración provincial actualizara o presuposto, dos anteriores 350.305,36€ aos actuais 406.061,08€.

A actuación, que se levará a cabo entre os puntos quilométricos 0+920 e 1+220, vai permitir ampliar a sección da estrada e incrementar de xeito notable a visibilidade. O novo trazado implica a construción dun terraplén e a creación dunha obra de drenaxe transversal en marco de formigón armado para dar continuidade a un regato.

É este un proxecto que a Deputación tiña xa redactado en xullo de 2020. Porén, no tempo que se adicou a obter os terreos e as autorizacións precisas doutras administracións, entre elas Augas de Galiza, os prezos no sector da construción sufriron unha acusada subida. Foi preciso aprobar un novo orzamento para sacar a licitación a iniciativa.

As empresas teñen ata o 15 de maio para presentar as súas ofertas. O prazo de execución, unha vez contratada a obra, será de cinco meses. O expediente está publicado na Plataforma de Contratación do Sector Público.