Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CHARLA SOBRE A FRAGATA SAN JUAN BAUTISTA E O PROXECTO DE RECUPERACIÓN DOS SEUS RESTOS AFUNDIDOS

O Museo Mares acollerá este sábado, ás 12.00h, a charla “Arqueoloxía submarina en Cedeira: A fragata San Juan Bautista”, na que intervirán o arqueólogo submarino Alberto García Montes de Oca e Yago Abilleria Crespo, director e promotor, respectivamente, do proxecto de recuperación dos restos do devandito barco. Os ponentes falarán do buque e explicarán como se van realizar os traballos.

A fragata San Juan Bautista naufragou no ano 1709 ás portas da ría de Cedeira cando trataba de buscar refuxio no porto local fuxindo da piratería. Era un dos primeiros navíos “de aviso”, chamados así por ser barcos pequenos e rápidos, construídos para facer chegar o correo desde as Indias ata España. O buque procedía do Virreinato do Perú e é excepcional que navegara por estas costas, porque habitualmente estes barcos se dirixían a Sevilla ou aos portos do sur.

Coñecemos detalles do naufraxio grazas ao procedemento que lle abriron ao capitán, o vasco Francisco Sorarte, pola perda do correo da Coroa. Naquel expediente consta que o barco fuxía dos piratas e trataba de entrar na ría de Cedeira no medio dun forte temporal que terminou por levalo contra as rochas nunha zona situada entre Pedras Brancas e a pena denominada Con Cagado. As xentes de Cedeira saíron socorrer á tripulación e conseguiron, de feito, salvar a todos os homes salvo un, así como gran parte da carga, que no medio da tormenta puxeron a salvo na capela de San Antonio.

A comisión de seguimento do Museo Mares, integrada polo Concello de Cedeira, a Confraría de Pescadores e a mesma Asociación Mares, acordara xa no ano 2020 darlle apoio loxístico ao proxecto, denominado “Ría de Cedeira”. A meteoroloxía impediu levar a cabo a campaña cando estaba previsto e logo a pandemia retrasou as tarefas.