Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

GUADI GALEGO ESTARÁ EN CEDEIRA O 26 DE XULLO PRESENTANDO O SEU ÚLTIMO TRABALLO “COSTURAS”

O Concello de Cedeira deseñou para estes meses de verán un programa cultural e festivo cheo de actos de pequeno formato e ao aire libre para cumprir coas medidas de prevención dos contaxios. O concerto de Guadi Galego é sen dúbida o prato forte deste calendario, un reencontro coa súa vila que promete moita enerxía positiva e no que presentará o seu novo traballo discográfico “Costuras”.

O concerto terá lugar o día 26 de xullo, ás 22.30 horas, na Praza da Constitución. A entrada será gratuíta -o importe está integramente subvencionado polo Concello de Cedeira- pero será preciso facer unha reserva previa, desde hoxe ata o 25 de xullo, telemáticamente (neste link https://www.inscribirme.com/concertoguadigalego) ou ben de forma presencial nas oficinas xerais do Concello ou na Oficina de Turismo. Haberá 500 localidades en total.

En “Costuras”, Guadi Galego reuniu dez cancións súas e de Carlos Abal. Nelas viaxa a mundos asociados á infancia e tamén ao presente, duro e tamén esperanzador, nos que a autora se amosa tal como él. O disco conta con tres colaboracións, das poetas Antía Otero e Marina Oural e tamén da cantante catalá Paula Grande.

Outras actividades

Por outra banda, entre as actividades máis próximas previstas polo Concello de Cedeira está a Mostra de Fin de Curso da Agrupación Cultural de Baile e Música Tradicional Buxainas, que se vai desenvolver este sábado, a partir das 20.00 horas, na Praza Roxa.

Para o domingo, día 18, Cedeira ten na axenda a animación de rúa “O estraño caso do dentista da rúa Brasov”, que vai levar a compañía Troula polas prazas Roxa e Floreal a partir das 20.00 horas. Este espectáculo itinerante estará protagonizado polo doutor Krakmhu Elah, que aparecerá co seu carromato por Cedeira para contar a súa delirante historia.

Continúa tamén o programa de roteiros “Descobre Cedeira” cada martes e xoves, con visitas guiadas e gratuítas polas zonas máis emblemáticas da localidade. Este xoves desenvolverase o percorrido por San Andrés de Teixido, que comeza na igrexa de Regoa ás 10.00 horas. As persoas interesadas poden informarse e inscribirse na Oficina de Turismo, ou ben chamando ao número de teléfono 981 482 187 ou no correo electrónico mar.lopez@cedeira.gal.