Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

ESTÁ ABERTO O PRAZO PARA PRESENTAR PROXECTOS PARA O CONCURSO DE PINTURA MURAL

Tras a publicación no Boletín Oficial da Provincia das bases do concurso de pintura mural, o Concello de Cedeira ten aberto o prazo para a presentación de propostas. Así, as asociacións de veciños e outras entidades, así como particulares, poden achegar ata o vindeiro10 de agosto os seus proxectos para espazos da súa titularidade e optar as dúas axudas de 2.500€ que o Concello de Cedeira vai conceder para impulsar a presenza destas obras de arte ao aire libre na vila.

A selección das ubicacións correrá a cargo dunha comisión técnica que terá en conta as condicións de seguridade estrutural do muro, a viabilidade dos traballos, o interese espacial e urbano, a existencia de elementos descontextualizados como cables, caixas de servizos… e outras cuestións que poidan afectar á efectividade dos murais.

A temática será libre, pero terán prioridade os murais identitarios que relaten a historia de Cedeira, as súas actividades, fontes de riqueza e aqueles aspectos que identifiquen á vila. Estarán prohibidas as representacións que constitúan apoloxía da violencia, obras de contido racista, sexista, xenófobo, obsceno ou calquera outro que atente contra a dignidade das persoas. Consulta as bases: https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2021/07/26/2021_0000005837.pdf