O CONCELLO INSTALA TOBOGÁNS ACUÁTICOS XIGANTES DESDE HOXE ATA O DOMINGO NA PRAZA DA CONSTITUCIÓN
O Concello de Cedeira abre desde hoxe xoves ata o vindeiro domingo, día 1 de agosto, dous tobogáns xigantes acuáticos na praza da Constitución (A Revolta). Os inchables estarán abertos de 11.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.00 horas e as persoas que queiran lanzarse por eles poderán inscribirse na mesma instalación, onde se velará polo cumprimento dos protocolos covid en todo momento.
Haberá un tobogán máis grande, o “Gravity”, de 35 metros de lonxitude e cunha altura mínima de 1,5 metros, e outro máis pequeno, o “Selva”, que está formado por dous esvaradoiros de 18 metros.
Por outra banda, o Concello de Cedeira promove unha homenaxe a Fusa Guillén este venres, cun acto no que o grupo de teatro afeccionado Valverde porá en escea dúas obras de Chejov, “A Corista” e “Petición de man”, que comezara no seu momento a ensaiar con ela. No mesmo acto estarán tamén Helga Méndez, Carlos Labraña, Paz Guillén e J. Carlos Dopazo, lembrando á querida “Fusa” a través de interpretacións e música. A cita é no Auditorio Municipal ás 20.00 horas, e as persoas interesadas en asistir poden reservar entradas a través do whatsapp no número 649 876 614 ou ben enviando un mail a enrique.vazquez@cedeira.gal.
E para o domingo, día 1 de agosto, o Concello propón a celebración do “Día da Bici” cun paseo dunha hora polas rúas da vila. As persoas interesadas poderán apuntarse no lugar da saída, a Praza Roxa, desde as 10.30 horas. Ás 11.00 horas comezará o paseo por Cedeira, e tamén un percorrido alternativo en bici de montaña, tamén dunha hora de duración. para aqueles ciclistas que estean equipados e preparados.