O CONCELLO ADXUDICA POR 110.000€ A OBRA DE REHABILITACIÓN ESTRUTURAL DO ANEL DA PRAZA ROXA
A Xunta de Goberno do Concello de Cedeira acaba de aprobar o expediente de adxudicación da obra de “Rehabilitación estrutural e do pavimento do anel vermelo da Praza Roxa”, coa que vai mellorar as condicións dun espazo central de convivencia e de lecer para a cidadanía de Cedeira. A empresa BCNOR Gestión y Soluciones Avanzadas gañou o concurso, ao que se presentaron tres ofertas, cun orzamento de 110.022,36€ (IVE incluído).
Tal como informou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, trátase dunha obra importante no marco do programa de investimentos que o goberno local ten para este ano, dotado con máis de 1,1 millóns de euros e ampliado despois con máis de medio millón de euros procedentes dos remanentes do exercicio anterior. A actuación está incluída no plan de intervencións financiadas ao abeiro do POS+2021 da Deputación da Coruña.
A obra, que ten un prazo de execución de dous meses, vai servir para reparar o pavimento da Praza Roxa, que presenta fendas e deterioración en moitos puntos polo efecto das raíces das árbores. Así, os traballos van consistir en levantar o chan actual para habilitar outro máis resistente e coa adherencia necesaria para o uso intenso que ten a zona. Porén, coa intención de non molestar ou interromper a animada vida social que acolle esta zona durante o verán, o comezo das obras adíase ata finais de setembro.
Tal como consta no prego técnico do proxecto, os traballos incluirán, tras o levantamento do pavimento actual, a poda das raíces e a colocación dunha malla que evite no futuro que estas levanten e deformen a superficie. Enriba desta malla irá unha capa de zahorra e sobre ela un aglomerado asfáltico. A superficie da praza, de 1.500 metros cadrados, levará un acabado de resina epoxy, usado frecuentemente para polideportivos ao aire libre pola súa adherencia e resistencia. No proxecto contémplase tamén a pintura de frases, símbolos ou poemas sobre a superficie para darlle unha estética máis atractiva ao conxunto.