Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

DÚAS CITAS DEPORTIVAS E TEATRO PARA O PÚBLICO FAMILIAR, NA AXENDA DA FIN DE SEMANA DE CEDEIRA

O Concello de Cedeira contará hoxe sábado, ás oito da tarde no Auditorio Municipal, coa compañía Teatro del Andamio e a súa obra “A nova historia da cigarra e a formiga” dirixida ao público familiar. Outras dúas citas deportivas están tamén na axenda para a mesma xornada: a cuarta edición do Duatlón Escolar Xogade e o Día do Baloncesto, propostas que levarán á vila centos de deportistas e seguidores de toda a provincia.

Teatro del Andamio propón unha nova versión da clásica fábula. Desta volta, a formiga traballadora vive na saída de emerxencia do formigueiro e adícase a coidar das flores e inventar cantigas. A cigarra preguiceira chega a escena despois dunha viaxe de moito tempo na procura dun lugar para vivir en paz. As entradas, ao prezo de 2,5€, poderán mercarse media hora antes en taquilla.

Uns 200 nenos e nenas da provincia da Coruña, de entre 6 e 16 anos das categorías benxamín, alevín, infantil e cadete, participarán no Duatlón Escolar Xogade. A proba desenvolverase na contorna do paseo marítimo e San Isidro, cun percorrido de carreira e outro de diclismo. Por ese motivo, e tal como xa estivo informando a Policía Local, haberá restricións de aparcamento e de tráfico polos lugares polos que vai o percorrido.

Por outra banda, a Concentración Baby Basket reunirá no pavillón municipal a xogadores e xogadoras do CB As Pontes, Baxi Ferrol, Costa Ártabra, BBCA, Cedeira Baby Basket, Basket Narón e Basket School. Tras a xuntanza pola mañá, que se prolongará desde as 10.30 ás 11.30h, pola tarde están previstos dous partidos entre diferentes equipos do Cedeira Basket e o Baxi Ferrol. Ás 16.30 xogarán as categorías Premini e Mini, e ás 18.30h as de Infantil e Cadete. Entre os dous encontros actuará a Street Dance School.