Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

“CEDEIRA RESPIRA DEPORTE”, PROPOSTA MÁIS VOTADA NO PROCESO DE ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS

Con 27 votos a favor, a asemblea de rapaces e rapazas de 3º de ESO do IES Punta Candieira acordaron levar ao pleno da corporación municipal o proxecto “Cedeira respira deporte” para investir nel os Orzamentos Participativos deste ano. A iniciativa pasa pola compra de equipamento específico de musculación para o Polideportivo Municipal por valor de 22.602,47€. O custo da proposta supera os 20.000€ inicialmente reservados nos presupostos municipais para o proceso, porén antes da asemblea o Concello xa aceptara asumir o incremento de saíren adiante.

Un total de 45 alumnos e alumnas participaron este mércores na asemblea dos Orzamentos Participativos, celebrada no salón de actos do instituto, para presentar e votar as catro propostas que chegaban a esta fase, despois de meses de traballo no que, entre outras cousas, cada unha delas foi orzamentada e validada como viable polos técnicos municipais. Mozos e mozas amosáronse moi activos na sesión, tomando a palabra para presentar e defender as diferentes propostas ou expresando dúbidas.

A proposta gañadora foi prsentada por Manuel Hermida, Manuel Rodriguez e Xan Pérez e consiste en equipar o ximnasio do Polideportivo con varios xogos de halteres, ketlebells ou pesas rusas, un moble de baldas para gardar este material e oito máquinas de exercicios deseñadas para o fortalecemento de diferentes músculos. Ademáis deste proxecto, Lydia Gundín e Anxo Moreda defenderon a creación dun parque canino e Andrea Loureiro e Candela Miranda presentaron a proposta de comprar instrumentos e equipamentos musicais. Cada unha delas obtivo 9 votos. Tamén chegaba á asemblea, debidamente validada, outra iniciativa que non recibiu ningún voto e que consistía en dotar de iluminación ao skate bowl.

Un grupo de 14 rapaces e rapazas, elixidos tamén pola asemblea, estarán o vindeiro 5 de maio no pleno extraordinario convocado para presentar os resultados do proceso e que a corporación vote definitivamente os Orzamentos Participativos. A mesma reunión servirá tamén para aprobar a creación do Consello Local da Infancia e a Mocidade, un órgano ligado ao plan municipal no que tamén estiveron a traballar desde as aulas do IES Punta Candieira e do CEIP Nicolás do Río.