Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CEDEIRA TRANSFORMA O PAZO DE MOSCOSO NUNHA SEGUNDA CASA CONSISTORIAL CO APOIO DA DEPUTACIÓN DA CORUÑA

O presidente Valentín González Formoso e o alcalde Pablo Moreda visitaron o inmoble, ubicado en pleno centro histórico do municipio, que foi rehabilitado con fondos provinciais

Acollerá os servizos sociais, policía local e outras dependencias municipais a partir de setembro

Formoso destacou “os acertos de Cedeira en canto á forma de investir os fondos da Deputación nos equipamentos públicos, recuperando e poñendo en valor un edificio público de gran riqueza patrimonial”

Formoso e Moreda visitaron tamén a reforma da praza 18 de decembro e o pavillón polideportivo, que será acondicionado proximamente grazas a un convenio que xa está asinado

A Deputación editará o libro “Cedeira: o prezo da liberdade” en base á investigación da Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática da localidade

O presidente da Deputación da Coruña. Valentín González Formoso, visitou onte acompañado do alcalde de Cedeira, Pablo Moreda, e da deputada provincial Cristina Capelán varias actuacións financiadas pola institución provincial no municipio, entre elas a reforma do Pazo de Moscoso (tamén coñecido como Casa Avelino), o pavillón polideportivo e a praza 18 de Decembro, que estreará nova imaxe cunha pérgola feita con materiais autóctonos.

Formoso lembrou que a Deputación leva investido 9 millóns de euros en Cedeira nos últimos sete anos, a metade deles achegados polo Plan Único, para a mellora dos seus espazos públicos, infraestruturas, estradas e na procura dunha mobilidade sostible.

O presidente da Deputación destacou a importancia dos investimentos levados a cabo nos espazos públicos cedeirenses e financiados polos plans e convenios asinados co Concello. “Comprobamos hoxe os acertos do goberno de Pablo Moreda en canto á forma de investir nos equipamentos neste concello, por exemplo recuperando e poñendo en valor un edificio público de gran riqueza patrimonial que será a sede dos servizos sociais e da Policía Local. Un edificio rehabilitado cun alto valor histórico do que se beneficiarán os veciños e veciñas deste municipio”, afirmou.

Pola súa banda, o alcalde de Cedeira, Pablo Moreda, agradeceu o compromiso da Deputación cos concellos e o seu modelo de xestión polo cal “podemos dispoñer de fondos para acometer obras de mellora para os nosos veciños e veciñas en espazos públicos, deportivos e de mellora da mobilidade. Un modelo de xestión do que debería de tomar nota a Xunta xa que non chegan por igual os fondos autonómicos a todos os municipios”.

Respecto á reforma do Pazo de Moscoso apuntou que a actuación converterá a este edificio histórico, mercado hai 15 anos e que estaba en ruínas, na segunda casa consistorial do Concello. “Modernizamos as prantas, transformándoas en espazos cómodos para atender aos veciños e no que os servizos sociais poderán ter o seu propio espazo. Deste xeito, liberaremos o espazo que agora ocupan no Auditorio e que se destinará ás asociacións. A nosa intención é devolverlle ao noso casco antigo o seu esplendor tradicional”, apuntou o alcalde.

O antigo Pazo de Moscoso, cuxa construción data do século XV e que se atopa xusto fronte á actual Casa do Concello foi convertido, grazas ao financiamento provincial, nun moderno edificio administrativo que acollerá distintos servizos municipais a partir de setembro. As obras tiveron un custe de 450.746 euros e posibilitan agora dispoñer dun espazo para prestar un mellor servizo á cidadanía.

O edificio dispón de oito despachos, repartidos entre os dous pisos, mentres que a bufarda utilizarase como almacén e sala de instalacións. A reforma supón un avance na posta en valor do conxunto histórico dá vila e na recuperación dá súa grandeza. O Concello colocou un panel na entrada do inmoble, lembrando a súa historia.

Praza 18 de decembro

Acompañado do alcalde, Formoso visitou tamén a praza 18 de decembro, cuxas obras de reforma están xa a piques de rematar e que “suporá un novo espazo urbano de calidade no que os cedeirenses poderán gozar durante todo o ano” grazas á pérgola instalada, estrutura que resgardará aos usuarios das inclemencias do tempo.

A reforma integral da Praza 18 de Decembro está a punto de inaugurarse e trátase dunha actuación que contou cun investimento de 285.856 euros e que foi cofinanciada co Plan Único da Deputación. A intervención reordenou o espazo e o dotou dunha pérgola parcialmente pechada resgardo para o lecer durante todo o ano.

A Praza 18 de Decembro —antes coñecida como praza dos Cabalos e que desde 2019 leva este nome en recordo dos fusilados nesa data de 1936— é unha illa peonil de máis de 585 metros cadrados situada na confluencia da rúa José Pascual López Cortón, o Camiño Real e a Avenida Castelao. O espazo, moi venteado durante todo o ano, gañou en habitabilidade coa construción desta pérgola, feita con materiais autóctonos e na que predomina a madeira, na que tamén se instalaron novos bancos e papeleiras, así como unha serie de luminarias. Ademais, mantivéronse as árbores xa existentes, cos seus correspondentes xardíns con céspede e flores, e dispoñeranse arbustos de medio porte na zona Norte, para separar a praza da vía con maior intensidade do tráfico rodado.

Por outra banda, o presidente visitou o pavillón polideportivo no que se acometerá unha reforma tamén financiada pola Deputación e no que adiantou que xa están asinados os convenios necesarios para avanzar nesta actuación tan demandada pola veciñanza.

A Deputación editará o libro “Cedeira: o prezo da liberdade”

O presidente reuniuse tamén coa Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática de Cedeira, que lle expuxo os detalles do amplo proxecto de investigación histórica que desenvolveron sobre a represión na vila durante a Guerra Civil, titulado “Cedeira: o prezo da liberdade”.

O estudo ten como autores principais a Fernando Acón e Enrique Barrena, que contaron coa colaboración de máis de medio centenar de veciños e veciñas que achegaron documentos, textos e fotografías que documentan a brutal represión que sufriron moitas persoas e familias da localidade por defender os valores democráticos nos anos escuros da Guerra Civil e a posguerra.

Formoso comprometeu o apoio da Deputación da Coruña para editar un libro que recolla toda esta exhaustiva investigación histórica e axude a coñecer o pasado e a dignificar ás familias que sufriron a represión.