Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO ESTREA O CENTRO DE INTERPRETACIÓN DO CASTRO SARRIDAL NO CASTELO DA CONCEPCIÓN

O Concello de Cedeira estreou onte o espazo expositivo do Castelo da Concepción, que acolle agora, ademais da mostra sobre a historia local nos séculos XVIII e XIX, o centro de interpretación do xacemento arqueolóxico do Sarridal. Así, no interior da fortaleza pode verse entre outras pezas a moneda atopada durante unha das anteriores campañas de escavación, un sestercio datado no século III a. de C. O horario de apertura do castelo é de luns a venres en horario de 10.00 a 14.00 h, cunha visita guiada ás 12.00 h. A entrada e a visita son totalmente gratuítas.

A creación da exposición sobre o castro de Sarridal supuxo un investimento de máis de 34.600€. Renovouse a instalación eléctrica, instalouse un mostrador para recibir aos visitantes e colocáronse nove vitrinas, paneis informativos e unha pantalla na que se proxectan vídeos sobre a escavación. Nas vitrinas están expostas as pezas máis importantes achadas nas sucesivas campañas arqueolóxicas, moitas delas de pedra e tamén a citada moneda, coa faciana de Vibia Sabina, muller do emperador Adriano.

O Castelo da Concepción é unha peza central no conxunto patrimonial e turístico da península do Sarridal, na que o visitante pode coñecer tamén o propio xacemento arqueolóxico –no que neste momento se está a desenvolver unha nova campaña de escavación- e as antigas cetarias cuxa rehabilitación está próxima a rematar, nun enclave paisaxístico de extraordinario valor no que cabe destacar tamén a praia das Sonreiras.

A concelleira de Turismo, Participación Cidadá e Xuventude, Carmela Prieto Cal, agradeceu a colaboración da concelleira do BNG María Xosé Rodríguez Pérez neste proxecto, tanto no seu inicio durante o anterior mandato como no actual, así como a axuda que prestou o arqueólogo Emilio Ramil para organizar a exposición.