CEDEIRA SÚMASE ÁS ACCIÓNS DE SENSIBILIZACIÓN CIDADÁ DA SEMANA EUROPEA DA MOBILIDADE
O Concello de Cedeira súmase un ano máis á campaña de sensibilización da Semana Europea da Mobilidade Sustentable a través da difusión de información sobre os efectos que os diferentes medios de transporte representan para o planeta. As accións, que se teñen difundido a través da canle de mensaxería instantánea da administración local á cidadanía, céntranse en lembrar os beneficios de empregar máis a bicicleta, tanto para a saúde de quen pedalea como para a loita contra o cambio climático.
As mensaxes empregan o lema elixido este ano, “Pola túa saúde, móvete de forma sostible”, e lembran que desplazarse en bicicleta produce cero emisións, axuda a combater a obesidade, non gasta combustible, mellora o estado de ánimo e a saúde, axuda a disminuír o quecemento global e ofrece unha forma fácil e rápida de moverse.
Hai que recordar que o Concello de Cedeira ten en marcha un Plan de Acción para o Clima e Enerxía Sostible (PACE) como consecuencia da súa adhesión ao Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía, cuxo obxectivo é rebaixar as emisións no municipio un 40% ata o ano 2030. O medio ambiente é unha prioridade para o goberno local, que entre outras cousas promoveu a contratación de todo o suministro enerxético do Concello de fontes renovables. Neste eido, o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, recordou que se está a realizar un esforzo por substituír toda a rede de iluminación pública co obxectivo de ter, xa a mediados do vindeiro ano, todas as lámpadas con tecnoloxía led, máis eficiente.