Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO RECORDA QUE ESTE XOVES REMATA O PRAZO PARA SOLICITAR AS AXUDAS PARA MATERIAL INFORMÁTICO

Este xoves, día 23, remata o prazo de solicitude das axudas convocadas polo Concello de Cedeira para dotar de equipamento informático aos nenos e nenas das familias con menos recursos da vila e facilitarlles o desenvolvemento do curso escolar. Tal como se informou recentemente, a convocatoria está dotada con 18.000 euros que a administración municipal empregará na compra dos ordenadores, que despois repartirá directamente ás persoas beneficiarias. A finalidade desta iniciativa é contribuír a reequilibrar as desigualdades sociais que a pandemia puxo de manifesto no eido educativo e facilitar que todo o alumnado teña as mesmas oportunidades.

Segundo establecen as bases, as persoas beneficiarias destas axudas deberán estar cursando estudos no CEIP de Infantil e Primaria de Cedeira ou ben estudos de ESO, Bacharelato, Formación Profesional ou Universidade. Polo menos un dos pais ou titores legais terán que estar empadroados no municipio, ao igual que o alumno ou alumna. No caso de estudantes maiores de idade será suficiente con que estea empadroado/a en Cedeira quen solicita a axuda.

Nas bases establécense os criterios que garanten que o equipamento informático chegará prioritariamente ás alumnas e alumnos de familias ou unidades de convivencia cuxa renda per cápita sexa menor, quedando excluídas aquelas nas que supere o 2,5 do IPREM.

Neste enlace pódense consultar as bases e a documentación a presentar: https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2021/08/31/2021_0000006497.pdf