CEDEIRA SINALIZA AS COLONIAS DE GATOS PROTEXIDAS PARA PROMOVER UNHA CONVIVENCIA RESPONSABLE
O Concello de Cedeira vai colocar unhas placas permanentes para sinalizar a ubicación das colonias felinas protexidas da localidade, en cumprimento da Lei 4/2017 de Benestar Animal, para sensibilizar a cidadanía e promover unha convivencia responsable. O goberno local toma esta medida coa colaboración da Asociación polo Benestar Animal de Cedeira (ABAC), cuxas voluntarias e voluntarios se ocupan desde o ano 2018 de controlar as colonias de gatos segundo o método CES (Captura, Esterilización e Solta).
Está prevista a colocación dos carteis nos 15 lugares do casco urbano, no porto e nas zonas periféricas nas que están localizadas e controladas colonias felinas. Desde ABAC destacaron a colaboración desinteresada de Leandro Lamas, que cedeu un debuxo seu, conha colorida paisaxe chea de gatos, para o deseño destes sinais. Neles faise constar que a lexislación establece que “está prohibido, baixo sanción, maltratar, molestar, abandonar ou subtraer os gatos”, así como “danar os refuxios, as comedeiras e os bebedoiros, e tamén alimentalos sen autorización”.
ABAC destacou que esta acción quere concienciar a veciñanza sobre a importancia de convivir de xeito responsable e que está prohibido, por lei, desplazar as colonias de lugar. A entidade leva anos controlando e atendendo os gatos de rueiro, coa acreditación do Concello, de maneira que se garante a vixilancia da situación sanitaria e se evita a proliferación descontrolada de felinos.
A concelleira de Turismo, Participación Cidadá e Xuventude, Carmela Prieto, agradeceu o traballo e dedicación das voluntarias e voluntarios da ABAC e destacou o excelente resultado do control da poboación de gatos. Recordou que o Concello mantén coa entidade un convenio de colaboración para financiar e garantir a continuidade da súa tarefa e sinalou que, de feito, Cedeira está a converterse nunha referencia neste eido, a teor dos positivos comentarios que o goberno local está a recoller de responsables de institucións e administracións da zona.