Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

“CEDEIRA MAR”, UNHA OPORTUNIDADE PARA A SENSIBILIZACIÓN DE ESCOLARES SOBRE A RIQUEZA DO MUNDO MARIÑO E A POTENCIALIDADE DA PESCA

O proxecto “Valorización da actividade pesqueira e marisqueira e dos seus espazos extractivos no litoral de Cedeira. Cedeira mar” está promovido polo Concello de Cedeira e proponse realizar accións de sensibilización dirixidas a diferentes públicos (escolares e público en xeral) e visibilizar a actividade extractiva no municipio mediante dispositivos informativos sobre os sistemas de extracción artesanal e a biodiversidade no litoral, ademais da gran variedade de produtos mariños (percebe, coquina, longueirón, ameixa, berberecho, ostra rizada…).

CEDEIRA MAR está apoiada pola Confraría de Pescadores de Cedeira e os dous centros educativos emprazados en Cedeira: o CEIP Nicolás del Río e o IES Punta Candieira. Estas tres organizacións son colaboradoras habituais do Concello de Cedeira en distintas programacións relacionadas coa materia do medio mariño, como son os proxectos GALP (Cedeixura, Pescaturacción, Emprende Pesca) ou os programas de sensibilización sobre a recollida de lixo mariño.

Para lograr os seus obxectivos, CEDEIRA MAR ten previsto o inicio das seguintes actividades durante este mes de decembro de 2021:

  • A creación da imaxe do proxecto para a difusión de valores da sustentabilidade e as potencialidades do sector do mar, así como a xeración dun banco de fotografías para a difusión do proxecto.
  • O deseño e implantación de paneis didácticos e a organización de exposicións co ánimo de chegar a diversos públicos, descentralizando a actividade no propio territorio (centros educativos e sociais).

Durante a anualidade de 2022 CEDEIRA MAR continuará con outras actuacións no territorio local:

  • Obradoiros de sensibilización dirixidos a escolares do municipio para divulgar ante o alumnado a riqueza paisaxística litoral e a identidade do municipio ligada ao sector pesqueiro e mariñeiro. Con estas sesións perséguese a dignificación do labor desempeñado polas xentes do mar e o seu papel no coidado do medio, facendo especial alusión aos métodos de extracción sustentables no seo da pesca de baixura (volanta, nasa) e do marisqueo artesanal (anciño, rasqueta, fouciña etc.)
  • Programa de rutas no litoral, enxalzando o papel do marisqueo e outros oficios do mar durante o relato do propio itinerario. Esta actividade responde á necesidade de dar a coñecer ante o público xeral o rol que desempeñan os distintos oficios na cadea de valor e na formación da identidade da localidade, constituíndo unha parte moi relevante da economía local. Ademais, coas visitas a puntos clave do territorio, amosaranse os atributos diferenciais do municipio, gozando deles dende a propia costa e dende puntos clave (miradoiros, cantís etc.), destacando a fisionomía da vila e a súa historia.

O proxecto foi financiado polo GALP por un importe de 79.396,16 € e rematará en setembro de 2022.