Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

“CEDEIRA MARIÑEIRA”, NOVAS RUTAS QUE RECOLLEN O SABER MARIÑEIRO E VALORIZAN O PATRIMONIO LITORAL

O proxecto “Definición, deseño e implementación de rutas tematizadas para a promoción do patrimonio mariñeiro do Concello de Cedeira. Cedeira mariñeira” está promovido polo Concello de Cedeira e proponse promover a oferta de experiencias e actividades que poñan en valor o medio ambiente e o patrimonio ligado ao mar (patrimonio material, arquitectónico, natural e patrimonio inmaterial). Conta coa colaboración do “Club Candieira”, unha entidade local moi proactiva na execución de rutas de valorización do patrimonio nesta zona e que abre a posibilidade de acceder a diversos públicos, deportistas e persoas usuarias de sendas no litoral e na serra, tecer redes con outras entidades deportivas a nivel galego e lograr unha maior difusión dos recursos patrimoniais de Cedeira.

Certamente, o propósito último de CEDEIRA MARIÑEIRA é o de concienciar sobre a necesidade da preservación da contorna natural e patrimonial, así como o recoñecemento dos oficios do mar (armadores, redeiras, mariscadoras, percebeiros, comercializadoras etc.) e a calidade diferencial dos produtos pesqueiros e marisqueiros do territorio.

Así, con este fin, analizarase o territorio localizando as eivas dos potenciais itinerarios e os puntos de interese claves para o deseño de rutas transitables, a pé e en bicicleta, que incorporen a diferenciación dunha visita experiencial ligada á riqueza dos oficios e do patrimonio litoral.

No deseño das rutas farase especial fincapé nos atributos icónicos da paisaxe de Cedeira (Cantís de Herbeira, Ruta dos Miradoiros de San Fiz de Esteiro, Robaleira, Punta Sarridal, Santo Antonio de Corveiro, Punta Candieira, Chao do Monte, dos Carrís, Cruceiro de Teixidelo e Miradoiro de Herbeira), nos areais, e na fisionomía da vila, coas súas construcións mariñeiras, buscando complicidades coa veciñanza á hora de rememorar lendas, anécdotas e achegar datos históricos ou o propio peso do sector pesqueiro na configuración da vila e dos seus costumes.

Os contidos xerados para as rutas estarán dispoñibles na web de turismo do Concello (textos, audios, fotografía actual, perfil de Wikiloc…). Ademais, estará dispoñible material divulgativo en papel, co obxectivo de chegar a diversos públicos, alén de nas redes sociais e nos medios tecnolóxicos.

O proxecto ten un custo total que ascende a 44.528,00 € e rematará en outubro de 2022. Durante este mes de decembro de 2021 comezarán os traballos de investigación e traballo de campo para unha análise estratéxica de produto e de público obxectivo, elaborando unha listaxe de equipamentos clave a nivel patrimonial para xeolocalizar os puntos estrela mínimos a incorporar no proxecto. Neste estudo detallaranse os itinerarios-marco no territorio susceptibles de transmitir unha serie de elementos de gran relevancia (especies, sustentabilidade, patrimonio natural, historia do pobo mariñeiro) e analizarase, ademais, o perfil do público para as rutas en función de distintos intereses (deportistas, turismo familiar, gastronómico etc.)