Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

SERVIZOS

ADXUDICADA A SUBMINISTRACIÓN DE 539 LÁMPADAS LED MÁIS PARA MELLORAR A ILUMINACIÓN DA ZONA RURAL

A Xunta de Goberno resolveu a adxudicación á empresa Instalaciones y Mantenimientos Mager do contrato de subministración de 539 lámpadas de tipo led para a sustitución das actuais en diferentes viais da zona rural de Cedeira. A actuación acométese con cargo ao programa da Deputación Provincial POS+2019 e marca un novo avance no plan do goberno local para dotar á vila dun sistema de iluminación pública máis eficiente e menos contaminante. “É un investimento -recordou o alcalde, Pablo Diego Moreda- que vai servir para aforrar a longo prazo, tanto no gasto municipal en enerxía eléctrica como tamén para reducir a contaminación ao medio ambiente”.

A oferta da empresa adxudicataria, a mellor valorada entre as cinco que recibiu o Concello, ten un presuposto de 29.578,45€. Instalaciones y Mantenimientos Mager vai ocuparse de subministrar as 539 lámpadas, coa súa correspondente garantía, pero será persoal municipal quen se ocupe da súa instalación.

As novas lámpadas led van substituír as vellas de vapor de sodio en cinco parroquias cedeiresas: nos lugares da Bouza e As Pontigas, na Regoa; nos lugares de Purrei, A Carballa, Campo do Hospital, As Vieiteiras, Cimadevila, Erbellas, Fraguela, Os Candales, Serantes e A Pasada na parroquia de Montoxo; en Ardeón, Sisalde Maior, Sisalde Cativo e Barral, na zona de Esteiro; nas Saíñas, Figaredo e Espasante, na parroquia de Cedeira, e na Trabe e Diamantel, na de Piñeiro.

A tecnoloxía led tradúcese no consumo de menos da metade de enerxía para producir a mesma cantide de luz que coas antigas lámpadas. Así, a renovación da rede de alumamento público fai que caiga sensiblemente a potencia necesaria, mellorando o rendemento e reducindo os costes de mantemento. Os novos puntos de luz non teñen mercurio, como os de vapor de sodio, e contaminan menos.

O Concello de Cedeira, que esta adherido ao Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía, ten pendende de resolver outro importante proxecto para a renovación de 1.452 lámpadas da rede pública de iluminación da zona rural.

APROBADA UNHA MODIFICACIÓN DE CRÉDITOS DE 74,600€ PARA ACOMETER DIFERENTES ACTUACIÓNS

O pleno de Cedeira aprobou o pasado venres, nunha sesión extraordinaria, unha modificación de créditos por un importe total de 74.619,93€, necesaria para facer fronte no que queda deste exercicio a diferentes gastos. O expediente, co preceptivo informe favorable de Intervención, recibiu sete votos a favor do grupo de goberno e outro do BNG –excusou a súa asistencia un representante desta forza- e a abstención do PP.

Segundo explicou o alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, a modificación de créditos é unha operación prevista para minorar fondos nas aplicacións orzamentarias con excedentes para aumentar outras que xurden e que son necesarias. Así, habilítanse 18.176,64€ para a adquisición dunha parcela; 10.000€ para a conservación de viais públicos; 15.000€ para a comprar material para o arranxo do cemiterio; 14.443,29€ para a reparación do polideportivo municipal; 10.000€ para adquirir unha carpa e 7.000€ para mercar ordenadores para as oficinas municipais.

O alcalde destacou que a carpa que se vai adquirir por parte do Concello virá paliar as deficiencias do Centro de Saúde da localidade. Servirá para ofrecer abrigo ás persoas que actualmente fan cola no exterior e o goberno local ocuparase de establecer, dentro da mesma, as medidas de distanciamento e aforo precisas. Moreda indicou que a actuación é consecuencia da recente reunión que él e o concelleiro de Facenda, Manuel Martínez, mantieron co persoal do Centro de Saúde para coñecer a situación e ver a forma de resolver as queixas das persoas usuarias.

A modificación orzamentaria tamén permitirá levar adiante actuacións urxentes, como é a reparación da cuberta do polideportivo municipal, dañada por un temporal; ou arranxar dúas rúas do cemiterio municipal, entre outras cuestións.

Por outra banda, a sesión extraordinaria do pleno municipal serviu tamén para aprobar a resolución dos festivos locais do próximo ano 2021. Serán o 26 de xullo e 8 de setembro.

O CONCELLO REALIZOU OBRAS DE ADECUACIÓN DO APARCADOIRO SITUADO XUNTO Á FONTE DE FERNANDO LAGO

O Concello de Cedeira acaba de realizar unhas obras de adecuación do terreo municipal situado xunto á fonte de Fernando Lago para facilitar o seu uso como aparcadoiro. Son uns 350 metros cadrados nos que xa adoitaban estacionar os coches, aínda que a superficie se atopaba en malas condicións e a choiva causaba habitualmente escorras e fochancas.

A empresa Villasuso Ortegal executou estes traballos, que tiveron un presuposto de 5.808€ (IVE incluído). A intervención consistiu no acondicionamento do terreo con medios mecánicos e a posterior aplicación dunha capa de rego asfáltico con aportación de áridos, o que fará a solución máis duradeira e axeitada para o seu uso como aparcadoiro.