Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

APROBADA UNHA MODIFICACIÓN DE CRÉDITOS DE 74,600€ PARA ACOMETER DIFERENTES ACTUACIÓNS

O pleno de Cedeira aprobou o pasado venres, nunha sesión extraordinaria, unha modificación de créditos por un importe total de 74.619,93€, necesaria para facer fronte no que queda deste exercicio a diferentes gastos. O expediente, co preceptivo informe favorable de Intervención, recibiu sete votos a favor do grupo de goberno e outro do BNG –excusou a súa asistencia un representante desta forza- e a abstención do PP.

Segundo explicou o alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, a modificación de créditos é unha operación prevista para minorar fondos nas aplicacións orzamentarias con excedentes para aumentar outras que xurden e que son necesarias. Así, habilítanse 18.176,64€ para a adquisición dunha parcela; 10.000€ para a conservación de viais públicos; 15.000€ para a comprar material para o arranxo do cemiterio; 14.443,29€ para a reparación do polideportivo municipal; 10.000€ para adquirir unha carpa e 7.000€ para mercar ordenadores para as oficinas municipais.

O alcalde destacou que a carpa que se vai adquirir por parte do Concello virá paliar as deficiencias do Centro de Saúde da localidade. Servirá para ofrecer abrigo ás persoas que actualmente fan cola no exterior e o goberno local ocuparase de establecer, dentro da mesma, as medidas de distanciamento e aforo precisas. Moreda indicou que a actuación é consecuencia da recente reunión que él e o concelleiro de Facenda, Manuel Martínez, mantieron co persoal do Centro de Saúde para coñecer a situación e ver a forma de resolver as queixas das persoas usuarias.

A modificación orzamentaria tamén permitirá levar adiante actuacións urxentes, como é a reparación da cuberta do polideportivo municipal, dañada por un temporal; ou arranxar dúas rúas do cemiterio municipal, entre outras cuestións.

Por outra banda, a sesión extraordinaria do pleno municipal serviu tamén para aprobar a resolución dos festivos locais do próximo ano 2021. Serán o 26 de xullo e 8 de setembro.