Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

ALUMNADO DO IES PUNTA CANDIEIRA PINTA UN MURAL COLECTIVO SOBRE A IGUALDADE

A defensa da igualdade entre homes e mulleres, e tamén doutros valores como a convivencia, o respecto ou a equidade, é o tema do novo mural que desde hai poucos días decora a parede situada en fronte do IES Punta Candieira. A pintura é o resultado dun traballo colaborativo que o Concello de Cedeira lle propuxo ao centro educativo e que implicou tamén á agrupación artística Vella Escola.

Segundo explicou o concelleiro de Facenda e Servizos Económicos, Ocio e Tempo de Lecer, Manuel Martínez, a iniciativa naceu do devezo do goberno local de traballar pola igualdade de xénero en diferentes eidos, neste caso coas novas xeracións da vila. A proposta foi moi ben acollida polo IES Punta Candieira e púxose en marcha un proceso de reflexión e xeración de ideas co alumnado da asignatura optativa de Igualdade que se imparte ao alumnado de 1º da ESO no centro. Do mesmo saíron frases, debuxos, motivos, etc, que o colectivo artístico Vella Escola foi depurando e ordenando ata chegar ao deseño final.

Pablo Castiñeira, director de Vella Escola, comenta que o resultado desa fase de reflexión sorprendou pola madurez das propostas, nas que se percibiu o traballo feito previamente polo centro co alumnado. “Foi un proceso con moita participación, do que obtivemos reflexións bastante profundas, con diferentes puntos de vista e enfoques moi orixinais”, comentou Pablo Castiñeira.

O artista Brais Rodríguez dirixiu a fase de execución, na que se involucraron todos e todas as estudantes de primeiro de Bacharelato. A pintura ocupa 35 metros lineais do muro do campo municipal do Beco, e na mesma está o nome de Cedeira sobre fondo morado e con mans e puños pechados simbolizando a unión, a loita pola igualdade e tamén a diversidade. A bandeira LGTBI, o “smile” ou a palabra “Respeto” en referencia á canción de Aretha Franklin forman parte tamén desta creación colectiva.

Máis murais

A pintura a prol da igualdade que acaban de pintar os e as estudantes do IES Punta Candieira súmase á galería de arte na rúa que está a promover o goberno local de Cedeira. Nos últimos días quedou tamén rematado o mural adicado ao Samaín que a artista Laura Recio (@aole.ilustra en Instagram) debuxou na parede do número 13, da Rúa da Cruz. O desfile de pantasmas que este ano non puido pasar por este lugar quedou plasmado na parede a través do seu debuxo, no que aparecen pequenos e maiores de todas as idades, cabazas tebrosas e bruxas boas, notas musicais e estrelas.