Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

SERVIZOS

O CONCELLO LICITA O SANEAMENTO DA RÚA AMOR HERMOSO

A Xunta de Goberno do Concello de Cedeira aprobou o expediente de contratación da obra de “Saneamento da rúa Amor Hermoso” que o Concello vai acometer con cargo ao programa POS+ADIC 1/2017 da Deputación da Coruña. A intervención sairá a licitación cun presuposto de 30.758,72€ e consistirá en dotar a este vial da zona urbana de rede separativa.

As obras serán similares ás que con anterioridade se fixeran na rúa As Pontes de García Rodríguez, perpendicular a Amor Hermoso. Ambas as dúas tiñan unha antiga rede de carácter unitario, con tubaxe de formigón en masa e sen xuntas. Agora, cambiarase a rede de sumidoiros de Amor Hermoso, entre os números 2 e 14, por unha rede separativa de augas residuais na que se substituirá o colector existente por outro de PVC e se instalará unha nova rede de recollida de augas pluviais, tamén de PVC.

A actuación publicarase na Plataforma de Contratación do Sector Público para que as empresas interesadas poidan presentar as súas ofertas.

O CONCELLO ACOMETERÁ A CONSOLIDACIÓN E REPARACIÓN DAS CUBERTAS DOS ESCOLARES DE SAA E SISALDE MAIOR

A Xunta de Goberno de Cedeira aprobou o inicio do expediente de contratación da obra de “Consolidación e reparación da cuberta nos centros escolares de Saa e Sisalde Maior”, que ten un presuposto de 74.163,47€ (IVE incluído) e que se acometerá con cargo ao POS+2021. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, destacou que esta é unha actuación urxente para “protexer dúas edificacións que están catalogadas como arquitectura indiana e que son unha herdanza da emigración cedeiresa que é importante preservar”.

As dúas construcións, hoxe empregadas para usos comunitarios, foron promovidas pola mesma sociedade de instrución e beneficencia “Progreso de Esteiro”, fundada en La Habana. Son edificacións de dúas alturas, nas que o baixo estaba antigamente ocupado por unha aula nenos e outra de nenas, e o primeiro piso era a casa do mestre. Ambas as dúas están catalogadas e por tanto actuarase necesariamente co visto bo da Dirección Xeral de Patrimonio.

A de Saa data do ano 1925 e está afectada por filtracións de auga e humidades na cuberta e na cornisa perimetral que provocaron o deterioro do tramado de madeira. O goberno local pintara recentemente o edificio e cambiara a carpintería exterior, ao igual que no antigo escolar de Piñeiro, porén a súa conservación precisaba desta intervención.

Pola súa banda, o antigo escolar de Sisalde Maior foi levantado en 1931 e necesita a urxente consolidación e reparación dos muros, a cuberta e os caleiros. A súa estabilidade está en perigo, como o anterior inmoble, polas humidades que afectaron ás vigas, estrutura de madeira e muros de carga.

A licitación desta actuación sairá publicada na Plataforma de Contratación do Sector Público. En ambos os dous edificios, vai consistir na sustitución dos elementos deteriorados, o saneamento das pezas de madeira que poidan ser recuperadas, a impermeabilización de muros e o reforzo estrutural en determinados puntos.

Segundo destacou o alcalde, esta actuación resposta á demanda expresada pola Asociación de Veciños de Esteiro e recordou que o goberno local mantén reunións periódicas con esta e outras entidades veciñais, coas que se traballa estreitamente para coñecer necesidades e manter en bo estado as propiedades municipais. Moreda subliñou a importancia de conservar estes dous edificios de Saa e Sisalde Maior, referencias para o desenvolvemento de actividades culturais, sociais ou deportivas.

O GOBERNO LOCAL PROXECTA CONSTRUÍR UNHA ESTRUTURA DE CUBRICIÓN DO PARQUE DE XOGOS DE SAN ISIDRO

O goberno local de Cedeira está a xestionar o apoio financeiro doutras administracións para acometer a mellora das beirarrúas na Avenida de España e a rúa López Cortón, así como a construción dunha cuberta de abrigo na zona de xogos infantís do parque de San Isidro. A primeira destas intervencións está orzamentada nuns 70.000 euros e a segunda aproxímase aos 80.500 euros, e segundo explicou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, a intención do Concello é obter o apoio de programas de axudas de diferentes administracións para poder sumalas ao capítulo de investimentos dos orzamentos municipais, valorado en máis de un millón de euros.

O proxecto de mellora de beirarrúas acometerase en ambas marxes da Avenida de España, nas dúas mazás máis próximas á Praza de Galicia, e nunha da rúa López Cortón. En ambos os dous casos, trátase de zonas cun acusado deterioro tanto nas baldosas como nos bordos e a intervención prevé levantalas e colocar outro material de máis calidade e mellor integrado na contorna.

Por outra banda, a construción dunha estrutura de cubrición do parque de xogos en San Isidro ofrecerá abrigo á veciñanza nunha zona pegada á liña litoral e moi exposta ao vento. O proxecto prevé levantar unha estrutura metálica, con perfís, piares e correas de aceiro, teitada con placas de policarbonato resistentes á intemperie e que deixen pasar a luz natural.

A construción cubrirá 204 metros cadrados dos 340 que ocupa a zona de xogos e acollerá todos os elementos recreativos e o mobiliario urbano deste espazo salvo o columpio circular. O teito será a dúas augas e terá unha altura de entre catro e cinco metros e medio.