Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O GOBERNO LOCAL PROXECTA CONSTRUÍR UNHA ESTRUTURA DE CUBRICIÓN DO PARQUE DE XOGOS DE SAN ISIDRO

O goberno local de Cedeira está a xestionar o apoio financeiro doutras administracións para acometer a mellora das beirarrúas na Avenida de España e a rúa López Cortón, así como a construción dunha cuberta de abrigo na zona de xogos infantís do parque de San Isidro. A primeira destas intervencións está orzamentada nuns 70.000 euros e a segunda aproxímase aos 80.500 euros, e segundo explicou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, a intención do Concello é obter o apoio de programas de axudas de diferentes administracións para poder sumalas ao capítulo de investimentos dos orzamentos municipais, valorado en máis de un millón de euros.

O proxecto de mellora de beirarrúas acometerase en ambas marxes da Avenida de España, nas dúas mazás máis próximas á Praza de Galicia, e nunha da rúa López Cortón. En ambos os dous casos, trátase de zonas cun acusado deterioro tanto nas baldosas como nos bordos e a intervención prevé levantalas e colocar outro material de máis calidade e mellor integrado na contorna.

Por outra banda, a construción dunha estrutura de cubrición do parque de xogos en San Isidro ofrecerá abrigo á veciñanza nunha zona pegada á liña litoral e moi exposta ao vento. O proxecto prevé levantar unha estrutura metálica, con perfís, piares e correas de aceiro, teitada con placas de policarbonato resistentes á intemperie e que deixen pasar a luz natural.

A construción cubrirá 204 metros cadrados dos 340 que ocupa a zona de xogos e acollerá todos os elementos recreativos e o mobiliario urbano deste espazo salvo o columpio circular. O teito será a dúas augas e terá unha altura de entre catro e cinco metros e medio.