Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

SERVIZOS

O CONCELLO DE CEDEIRA INVISTE 100.000€ PARA DOTARSE DUN NOVO TRACTOR CON BRAZO DESBROZADOR

O Concello de Cedeira acaba de publicar na Plataforma de Contratación do Sector Público o anuncio de licitación para a compra dun tractor con máquina desbrozadora lateral. Ata o vindeiro día 26 está aberto o prazo de presentación de ofertas para este concurso, que conta cun presuposto de 100.000€ (IVE incluído).

Este é un dos investimentos que o goberno local acomete con cargo ao remanente do pasado ano. Tal como explicou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, o Concello ten a obriga de manter limpos e practicables máis de 250 quilómetros de rúas, camiños e viais da súa titularidade, garantindo ao longo de todo o ano o acceso aos diferentes núcleos rurais. “A limpeza da vexetación mellora a seguridade na circulación e axuda a previr incendios”, recordou o alcalde, que subliñou que co novo tractor van ser xa tres os que formen parte do parque de maquinaria do Concello.

“Contar con medios propios para acometer os desbroces supón ter maior autonomía e capacidade nos momentos en que son máis necesarios”, explicou. Recordou, neste sentido, que durante o pasado verán foi preciso recorrer a dúas empresas alleas para reforzar as brigadas municipais na limpeza dos viais.

O prego de condicións establece que o tractor deberá ter un motor con 110 cabalos de potencia e dobre sistema de tracción, así como unha capacidade de elevación de 4.300 quilos e cabina con todos os sistemas de seguridade. O brazo elevador lateral terá un alcance horizontal de 5m e vertical de 6,30m. A empresa suministradora deberá entregar o vehículo con todas as certificacións, garantías, plan de mantemento preventivo e ofrecer formación ao persoal municipal que se ocupará de manexalo.

O CONCELLO DE CEDEIRA RENOVARÁ A PAVIMENTACIÓN E A REDE DE PLUVIAIS NO PASEO ARRIBA DA PONTE

A Xunta de Goberno acordou contratar por 26.347,75€ (IVE incluído) unhas obras de pavimentación e execución da rede de recollida de augas pluviais no paseo Arriba da Ponte, unha zona céntrica e moi transitada, que actualmente presenta algúns afundimentos no firme tanto na zona de tránsito peonil como na de estacionamento.

A empresa Villasuso Ortegal presentou a oferta máis vantaxosa e ocuparase destes traballos. Xunto coa restauración do pavimento, realizará tamén a renovación da rede de sumidoiros que recollen as augas da choiva. A actuación forma parte dos traballos de mantemento e mellora dos espazos públicos que acomete regularmente o Concello de Cedeira.

O CONCELLO ACORDA COA CONFRARÍA A COMPRA DUNHA PARCELA PARA A AMPLIACIÓN DO CENTRO DE SAÚDE

O Concello de Cedeira chegou a un acordo coa Confraría de Pescadores da vila para adquirir, por 74.312,28€, a parcela da súa propiedade situada na rúa Ortigueira. A operación, que foi aprobada no último pleno cos votos a favor de PSOE e BNG e a abstención do PP, servirá para levar adiante a ampliación do Centro de Saúde. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, expresou o seu agradecemento á Confraría por facilitar esta compra, que é unha peza indispensable para facer posible a longamente esperada ampliación do Centro de Saúde. “Dámoslle as grazas tanto ao novo patrón maior, Ricardo Villar, como aos anteriores, Eduardo González e Lucía Villar, que unha vez máis amosaron o compromiso do noso sector pesqueiro co presente e o futuro da vila”, dixo o alcalde.

Coa adquisición deste solar, no que está un antigo edificio do pósito, serán xa máis de 150.000€ os fondos que a administración local destinou á posta a disposición da Consellería de Sanidade dos inmobles e terreos precisos para levar adiante a ampliación, unha demanda o goberno local confía en ver cumprida neste mandato.

O Concello de Cedeira comprara xa a finais de 2019 o baixo, terceira planta e baixo cuberta do edificio do número 7 da rúa Ortigueira, por máis de 60.000€, para poñelos a disposición da Consellería de Sanidade cara á ampliación do Centro de Saúde. Pero non foi ata este ano cando a administración autonómica retomou o proxecto e abriu de novo o diálogo coa finalidade de despexar o camiño para a sinatura do convenio de cesión do inmoble. Nunha reunión mantida o pasado mes de marzo entre o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, e o concelleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, este último concordou en que a ampliación é unha mellora xustificada e necesaria e comprometeuse a axilizar trámites para levar adiante o proxecto sen dilacións.

Como froito destas novas conversas, o Concello contratou a comezos deste ano a redacción da modificación puntual do PXOM que é preciso para a ampliación, por un importe de 15.500€. Dito documento foi entregado á Consellería de Medio Ambiente en abril, para iniciar o proceso de avaliación ambiental e unha serie de trámites previos á súa volta ao pleno municipal para a súa aprobación inicial e exposición pública. Despois disto, o expediente deberá ir á Dirección Xeral do Territorio e Urbanismo da Xunta para a súa aprobación definitiva.

O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, explicou que o Concello de Cedeira ten atendido coa máxima axilidade todos os requirimentos de Sanidade, co devezo de que a ampliación do Centro de Saúde sexa unha realidade canto antes. “A pandemia puxo aínda máis de relevo as eivas que ten o actual edificio, tanto estruturais como construtivas”, recordou o alcalde. Faltan salas de pediatría e fisioterapia, un espazo para ciruxía menor, dependencias para arquivo e zona de almacén de material, entre outros problemas como goteiras, malos olores e accesos deficientes.

Coa ampliación, o Centro de Saúde de Cedeira aumentará a súa dispoñibilidade de superficie útil case nun 50% e poderá completar a súa dotación para ofrecer un mellor servizo tanto á cidadanía do propio municipio como á poboación das zonas limítrofes que o teñen como referencia.