Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

SERVIZOS

O CONCELLO PROXECTA A CUBRICIÓN DO PARQUE DE XOGOS DA PRAZA FLOREAL CUNHA ESTRUTURA TRANSLÚCIDA

O goberno local de Cedeira acaba de solicitar unha subvención á Xunta de Galicia para a execución dunha estrutura de cubrición do parque de xogos da praza Floreal. Segundo informou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, é unha actuación orzamentada en 70.730,88€ (IVE incluído) que o Concello confía en financiar a través do programa de axudas a concellos para infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vencellados á prestación de servizos municipais. “Coa pandemia púxose de manifesto a necesidade que temos de contar con espazos abertos e ao mesmo tempo abrigados da choiva, para pasar tempo de lecer e de convivencia”, destacou o alcalde.

A obra consistirá en cubrir cunha estrutura de perfilería tubular metálica todo o parque de xogos de Floreal, que ocupa unha superficie de 122 metros cadrados e que consta de randeeira, balancíns, tobogán e mesa de picnic. Coa estrutura metálica empregaranse placas de policarbonato celular que permita pasar a luz natural e que ofrece seguridade, resistencia técnica e integración no contorno.

Desde o goberno local destacan que é unha actuación dirixida ás familias, que terán aquí un lugar para gozar dos xogos ao aire libre, ao igual que sucede coa obra que se está a executar na praza do 18 de Decembro, moi frecuentada pola veciñanza de certa idade, que tamén se vai cubrir cunha estrutura que ofrecerá abrigo do vento e a choiva.

ADXUDICADAS AS OBRAS DE CONSERVACIÓN DO FIRME NA AVENIDA DE ESPAÑA E CAMIÑO DE PITILLEIRA

A mesa de contratación do Concello de Cedeira ditou a proposta de adxudicación das obras de “Conservación do firme na Avenida de España e o Camiño de Pitilleira”, despois de analizar as seis ofertas presentadas, a favor da empresa Canarga e por un prezo de 40.369€ (IVE incluído). Trátase dun proxecto incluído no POS+21.

O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, explicou que este proxecto é un novo avance no programa de actuacións municipais dirixidas a manter o pavimento das rúas de Cedeira. A mellora do firme afectará ao tramo da Avenida de España que vai da rúa Cerdido ao Polideportivo Municipal, así como ao Camiño de Pitilleira nos treitos que van da Avenida de España a Castelao e de Avenida de España ata Floreal.

Son en total arredor de 400 metros de trazado urbano, nos que se vai aplicar unha nova capa de aglomerado asfáltico de seis centímetros de grosor. No proxecto está prevista a adecuación dun paso elevado para peóns na intersección entre a Avenida de España e Pitilleira.

O prazo de execución será de dous meses.

REMATADA A OBRA DE RECUPERACIÓN DA ANTIGA FONTE E LAVADOIRO DA VILA DO RÍO

O goberno local de Cedeira informa do remate das obras de rehabilitación da antiga fonte da Vila do Río, na parroquia de San Román. É unha intervención coa que o Concello avanza no plan de recuperación de fontes e lavadoiros, elementos da arquitectura popular que cómpre conservar, en palabras do alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, “porque son parte da nosa historia, lugares de encontro na vida cotiá dos nosos avós, especialmente das avoas, que non queremos ver en ruínas”.

Neste caso, a intervención contou cun orzamento de algo máis de 19.000 euros, dos que 10.000 procedían dunha axuda xestionada polo goberno local diante do Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia. Concretamente, a subvención correspondía a un programa para a corrección de impactos paisaxísticos.

A empresa Kaizen Management realizou os traballos de albanelería, mentes que Carpintería López y Villadóniga se encargou da reconstrución da estrutura de madeira da cuberta. Os traballos consistiron na roza da zona, a demolición da anterior cuberta de pizarra e do entramado de cimbros de madeira que a sustentaban, así como na limpeza da estrutura de formigón e o chapado dos paramentos e o solo con pezas irregulares de pizarra. Ademais, colocáronse novas vigas de madeira de abeto e un teito de pizarra, e reparouse o sumidoiro e as tubaxes correspondentes.

A fonte da Vila do Río súmase así ás da Barca, Fernando Lago, da Area e de Vilar, que xa rehabilitou o Concello.