Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO PROXECTA A CUBRICIÓN DO PARQUE DE XOGOS DA PRAZA FLOREAL CUNHA ESTRUTURA TRANSLÚCIDA

O goberno local de Cedeira acaba de solicitar unha subvención á Xunta de Galicia para a execución dunha estrutura de cubrición do parque de xogos da praza Floreal. Segundo informou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, é unha actuación orzamentada en 70.730,88€ (IVE incluído) que o Concello confía en financiar a través do programa de axudas a concellos para infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vencellados á prestación de servizos municipais. “Coa pandemia púxose de manifesto a necesidade que temos de contar con espazos abertos e ao mesmo tempo abrigados da choiva, para pasar tempo de lecer e de convivencia”, destacou o alcalde.

A obra consistirá en cubrir cunha estrutura de perfilería tubular metálica todo o parque de xogos de Floreal, que ocupa unha superficie de 122 metros cadrados e que consta de randeeira, balancíns, tobogán e mesa de picnic. Coa estrutura metálica empregaranse placas de policarbonato celular que permita pasar a luz natural e que ofrece seguridade, resistencia técnica e integración no contorno.

Desde o goberno local destacan que é unha actuación dirixida ás familias, que terán aquí un lugar para gozar dos xogos ao aire libre, ao igual que sucede coa obra que se está a executar na praza do 18 de Decembro, moi frecuentada pola veciñanza de certa idade, que tamén se vai cubrir cunha estrutura que ofrecerá abrigo do vento e a choiva.