Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

SERVICIOS SOCIAIS

O pleno de Cedeira aproba unha moción en defensa da sanidade pública

O PLENO DE CEDEIRA APROBA UNHA MOCIÓN EN DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA

O pleno de Cedeira aprobou na súa última sesión unha moción en defensa da sanidade pública. O asunto saíu adiante cos votos a favor do goberno municipal (PSOE, BNG e Anova), mentres que o PP votaba en contra por non recoñecer nin a existencia do conflito no sector da sanidade nin as demandas que se veñen esixindo por parte do Concello, da veciñanza e mesmo dos profesionais do centro de saúde de Cedeira, para garantir unha correcta atención primaria no centro asistencial da localidade, segundo declarou a primeira tenente de alcalde, María Xosé Rodríguez Pérez.

Coa aprobación da iniciativa, o Concello solicita á Xunta que rectifique a súa política con respecto a este dereito universal de maneira que incremente o orzamento destinado a sanidade, que convoque as prazas vacantes, que elimine as listas de espera e que elabore un plan de Mellora da Atención Primaria cunha dotación inicial de 200 millóns de euros.

Na lista de peticións tamén figura a necesidade de reverter as privatizacións e a xestión propia dos servizos sanitarios, a eliminación dos copagos farmacéuticos e a mellora con recursos e prestacións da asistencia sanitaria no ámbito local coa “contratación de substitutos facultativos de medicina xeral, de atención pediátrica e en xeral de todo o persoal preciso para manter o número de profesionais activos e garantir así o mellor servizo á cidadanía”.

Entre outros argumentos, o equipo de goberno expone que “a gravísima deterioración da sanidade pública é un dos temas que máis alarma social está a provocar na sociedade galega”, que “converter o dereito á saúde nun negocio para grupos afíns” é o obxectivo da política sanitaria que Núñez Feijóo está a aplicar desde a Xunta”, ademais de cuantificar en 2.188 millóns de euros os recortes acumulados desde o 2009 e de destacar a unanimidade que existe entre sindicatos, colexios profesionais, plataformas sanitarias, organizacións profesionais e doentes en denunciar a grave deterioración que están a provocar as políticas sanitarias do PP. No caso de Cedeira, esta postura crítica tamén se está a traducir en concentracións semanais diante do centro de saúde, unha convocatoria que conta habitualmente coa presenza de membros do equipo de goberno.

O Consorcio licita a ampliación da escola infantil por 141.337 euros

O CONSORCIO LICITA A AMPLIACIÓN DA ESCOLA INFANTIL POR 141.337 EUROS

O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar vén de sacar a licitación a obra de ampliación da escola infantil de Cedeira, por un importe de 141.337 euros (IVE incluído).

“Trátase dunha magnífica noticia para a veciñanza e mesmo para o equipo de goberno, que vén traballando desde o primeiro día pola consecución deste obxectivo”, di o executivo local, que engade que “agora o que convén e que a contratación se resolva axiña para tratar de axilizar ao máximo a execución dun proxecto que virá solucionar as carencias que presenta o servizo actual”.

O goberno lembra así mesmo que o Concello colaborará economicamente no financiamento da obra, achegando tanto unha terceira parte do custo da ampliación como da redacción do proxecto executivo, ademais de dar por ben empregadas as moitas xestións realizadas para ofrecer un servizo que se axuste ás necesidades reais da veciñanza local.

No apartado de agradecementos, o executivo local menciona de maneira especial aos traballadores da escola infantil, pola súa colaboración e axuda, aos pais e nais que cunha recollida de firmas impulsaron a realización dun proxecto do que se beneficirán todos os nenos de Cedeira, así como ao conxunto da veciñanza por secundar a iniciativa municipal.

A ampliación da escola infantil suporá engadir un total de 105 metros cadrados máis ás actuais instalacións, coa ocupación dun segundo edificio de propiedade municipal e a adecuación das instalacións agora en uso ás condicións impostas no seu día polo Consorcio. Así, no edificio en uso construiranse un aseo de uso público, un despacho, unha sala de mestres e un segundo baño con cambiador incorporado. Na segunda edificación, a reforma dos 105 m2 pasa pola creación dunha aula para nenos de 2-3 anos, un aseo para cativos de tres, unha cociña con despensa de máis de quince metros cadrados, un distribuidor e un acceso á primeira planta.

Estas obras suporán cambios tamén no exterior da escola infantil. O acceso actual do segundo edificio reconverterase en saída de emerxencia, polo que se prevé a construción dun novo para chegar á primeira planta do mesmo, así como modificar a ventá existente baixo a escaleira e substituíla por unha porta de características similares ás que xa existen. O feito de pasar de un a dous edificios anexos obrigará a modificar o punto de acceso á parcela, xerando a construción dunha nova rampla de acceso e unha plataforma horizontal na fronte da edificación. Estes cambios traduciranse en máis espazos de recreo e na adaptación do peche perimetral.

A matrícula actual do centro é de 60 alumnos e o seu plantel laboral está integrado por dez traballadores. A existencia dunha lista de garda con máis de vinte nomes foi o que motivou ao goberno a facerse eco da demanda e preocupación de pais e nais con fillos menores de tres anos e sen praza no centro escolar infantil. Como primeira medida, o goberno municipal modificou o uso da propiedade obxecto da ampliación para evitar calquera atranco e asumiu o financiamento da súa parte da obra con cargo ao orzamento municipal, mentres que a Xunta ten previsto facelo a través do Fondo Europeo de Desenvolmento Rexional (Feder).

O goberno apoia as reivindicacións das plataformas sanitarias galegas asistindo ás concentracións locais

O GOBERNO APOIA AS REVINDICACIÓNS DAS PLATAFORMAS SANITARIAS GALEGAS ASISTINDO ÁS CONCENTRACIÓNS LOCAIS

O goberno de Cedeira apoia coa súa presenza as concentración que todos os luns se están a levar a cabo diante do centro de saúde para denunciar o desmantelamento do sistema público de saúde.

As protestas, que se celebran ás 12.00 e 18.00 horas, teñen como obxectivo secundar as medidas e reivindicacións que se veñen plantexando desde SOS Sanidade pública, plataformas sanitarias galegas e mesmo formacións políticas e sindicatos, que acusan ao goberno da Xunta de “desmantelar o sistema público en beneficio de empresas privadas”.

Desde o executivo, que tamén pon o acento nos problemas locais -falta de médicos e lista de espera- invítase á veciñanza a secundar coa súa presenza unhas accións coas que se trata de esixir unha sanidade pública de calidade.