Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

SERVICIOS SOCIAIS

NOVA CONVOCATORIA DO PROGRAMA INTEGRADO DE EMPREGO DA MANCOMUNIDADE DE CONCELLOS DA COMARCA DE FERROL

A Xunta de Galicia concedeu á A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol unha nova edición do Programa Integrado de Emprego de Galicia. A administración autonómica e o Servicio Público de Empleo Estatal financian esta convocatoria, financian con 225.000€ sobre 250.000€ do custo total. Vai dirixida a mulleres en situación de desemprego empadroadas nos Concellos de: Cedeira, Valdoviño, Narón, Fene, Neda, Cabanas, Ares ou Mugardos e que cumpran algún dos seguintes requisitos:

  • certificado de discapacidade
  • risco de exclusión social e beneficiarias do tramo de inserción da renda de inclusión social de Galicia
  • vítimas de violencia de xénero
  • menores de 30 anos con baixa cualificación
  • menores de 30 anos cualificadas
  • maiores de 45
  • perceptoras de prestacións, subsidios por desemprego ou renda activa de inserción (RAI)
  • inmigrantes

O Programa Integrado de Emprego da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol 2020/2021 ten unha duración de 12 meses e o seu obxectivo principal é achegar ferramentas ás participantes de xeito que melloren a súa empregabilidade e, por tanto, así como a inserción laboral. Os medios que se utilizan para a consecución do obxectivo son moi diversos e adaptados ao perfil de cada persoa. Deste xeito, conxugaranse accións individuais co persoal técnico do programa (orientación laboral, asesoramento, itinerarios personalizados de inserción) con accións formativas tanto cualificantes (atención sociosanitaria, administración, comercio e loxística, peixaría, carnizaría…) como de tipo transversal (preparación para as competencias clave, informática, idiomas, habelencias sociolaborais, talleres de busca de emprego, talleres de entrevista…). O persoal técnico tamén abordará a prospección laboral de xeito que en todo momento manterá contactos coas empresas da contorna de cara a coñecer as necesidades do mercado, as posibles ofertas de emprego e poñelas en contacto coas usuarias do programa. O obxectivo mínimo de inserción laboral do Programa Integrado de Emprego deste ano é do 35%.

É importante subliñar que todas estas accións se apoiarán con medidas que permitan a participación das usuarias, de xeito que aquelas que teñan menores ou persoas con discapacidade ao seu cargo (e non dispoñan de recursos de apoio) poderán beneficiarse dun servizo de conciliación. Así mesmo, terán dereito a percibir unha bolsa de 7€ por día de asistencia ás accións do programa.

Esta metodoloxía permite que as participantes amplíen non só a súa cualificación senón que, ao mellorar o coñecemento de si mesmas e do propio mercado laboral, poidan adquirir formación que lles sirva para que a súa busca de emprego sexa máis eficiente e efectiva.

As mulleres interesadas en ampliar información ou inscribirse no programa poderán solicitalo do seguinte xeito:

Persoal técnico do Programa Integrado de Emprego da Mancomunidade. Tlf 697 874 155 / 670 304 224 / 981944000 ext. 378. piemancomunidade@ferrol.es

Ares. Área de Formación e Emprego Tlf.: 689 242 598

Cabanas. emprego@cabanas.gal / 670 304 224 / 697 874 155 / 981 944 000 ext. 378

Cedeira. Área de Formación e Emprego. Tlf. 981 480 000 (extensión 4)

Fene. orientacion.laboral@fene.gal. Area de Formación e Emprego “Pancho Allegue”. Teléfono 981 492 767.

Mugardos. Área de Formación e Emprego.Tlf. 698 188 608

Narón. Centro de Formación Irmás Froilaz. Av. do Mar, 115, Polígono Industrial da Gándara. Tlf. 981 333 135 / 697 874 155 / 670 304 224

Neda. Departamento municipal de Servizos Sociais. 981380039 extensión 2

Valdoviño. Departamento municipal de Servizos Sociais. Teléfono 981 48 70 41 (extensión 5).

Así mesmo tamén poden consultar toda a información na páxina web da Mancomunidade www.comarcaferrolterra.es, na que haberá unha folla de solicitude. Esta deberá ser cuberta e enviada ao correo electrónico piemancomunidade@ferrol.es ou deixala presencialmente nos departamentos indicados dos respectivos Concellos así como no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz (Avenida do Mar, 115. A Gándara. Narón)

O prazo de solicitude é ata o 25 de novembro. Posteriormente as mulleres inscritas serán chamadas a unha entrevista de cara a facer a selección final de participantes no programa.

APROBADA UNHA MODIFICACIÓN DE CRÉDITOS DE 74,600€ PARA ACOMETER DIFERENTES ACTUACIÓNS

O pleno de Cedeira aprobou o pasado venres, nunha sesión extraordinaria, unha modificación de créditos por un importe total de 74.619,93€, necesaria para facer fronte no que queda deste exercicio a diferentes gastos. O expediente, co preceptivo informe favorable de Intervención, recibiu sete votos a favor do grupo de goberno e outro do BNG –excusou a súa asistencia un representante desta forza- e a abstención do PP.

Segundo explicou o alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, a modificación de créditos é unha operación prevista para minorar fondos nas aplicacións orzamentarias con excedentes para aumentar outras que xurden e que son necesarias. Así, habilítanse 18.176,64€ para a adquisición dunha parcela; 10.000€ para a conservación de viais públicos; 15.000€ para a comprar material para o arranxo do cemiterio; 14.443,29€ para a reparación do polideportivo municipal; 10.000€ para adquirir unha carpa e 7.000€ para mercar ordenadores para as oficinas municipais.

O alcalde destacou que a carpa que se vai adquirir por parte do Concello virá paliar as deficiencias do Centro de Saúde da localidade. Servirá para ofrecer abrigo ás persoas que actualmente fan cola no exterior e o goberno local ocuparase de establecer, dentro da mesma, as medidas de distanciamento e aforo precisas. Moreda indicou que a actuación é consecuencia da recente reunión que él e o concelleiro de Facenda, Manuel Martínez, mantieron co persoal do Centro de Saúde para coñecer a situación e ver a forma de resolver as queixas das persoas usuarias.

A modificación orzamentaria tamén permitirá levar adiante actuacións urxentes, como é a reparación da cuberta do polideportivo municipal, dañada por un temporal; ou arranxar dúas rúas do cemiterio municipal, entre outras cuestións.

Por outra banda, a sesión extraordinaria do pleno municipal serviu tamén para aprobar a resolución dos festivos locais do próximo ano 2021. Serán o 26 de xullo e 8 de setembro.

O CONCELLO CONCEDE PRETO DE 9.500€ EN AXUDAS PARA ACTIVIDADES E INVESTIMENTOS DAS ASOCIACIÓNS LOCAIS

A Xunta de Goberno do Concello de Cedeira aprobou a concesión das subvencións deste ano 2020 para investimentos, por un lado, e para programas e actividades das asociacións do eido sociocultural da vila, por outro. Son dúas convocatorias diferentes que se traducen este ano en axudas por valor de preto de 9.500€ cuxa finalidade é, segundo recordou o alcalde, Pablo Diego Moreda, apoiar ao tecido asociativo do municipio e facilitarlle a realización das súas iniciativas, que contribúen a dinamizar e enriquecer a vida social e cultural de Cedeira.

A convocatoria tivo nesta ocasión menos solicitudes do habitual debido ás circunstancias da crise sanitaria. Desde o goberno local, o alcalde expresou a súa confianza en que o ano que vén as asociacións locais van superar as dificultades e voltarán de novo a desenvolver as súas propostas. “Porque todas son moi importantes para o enriquecemento da vida cultural e social en Cedeira e presisamos de todas elas”, subliñou, desexando que a convocatoria de axudas acade de novo a demanda habitual.

Ambas as dúas convocatorias fixéronse en réxime de concorrencia competitiva. No caso da adicada ao desenvolvemento de programas e actividades, o Concello vai repartir 8.149,63€ entre as catro asociacións solicitantes e as contías concedidas vanlles cubrir entre o 60 e o 80% dos gastos previstos. Así, a Rondalla de Cedeira contará cunha axuda municipal de 1.282,72€ para desenvolver un programa de actividades valorado en 2.082,72€; a asociación de veciños Cervo Tarroiba e a sociedade artística Eixil obteñen, cada unha, 2.400€ para senllos gastos de 3.000€ e a asociación de Patchwork de Cedeira recibirá 2.100€ para un gasto de 3.000€.

Na convocatoria de subvencións para investimentos, o Concello concede dúas axudas de 480€ para senllos orzamentos de 600€ tanto da asociación de veciños Cervo Tarroiba como da sociedade artística Eixil, así como unha terceira axuda de 360€ para a asociación cultural da Terceira Idade Aturuxeiras, que prevé empregar 450€. Neste caso, todas as entidades solicitantes obtiveron o 80% do investimento a realizar.