Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

PARTICIPACION

Cedeira convoca mañá á veciñanza a unha concentración de rexeitamento á violencia machista

CEDEIRA CONVOCA MAÑÁ Á VECIÑANZA A UNHA CONCENTRACIÓN DE REXEITAMENTO Á VIOLENCIA MACHISTA

“Basta xa de violencia machista!!”. É a consigna coa que o goberno de Cedeira convoca á veciñanza a asistir mañá a unha concentración que será ás12.00 horas diante do Concello.

Os responsables municipais trataran así de amosar a repulsa unánime do pobo de Cedeira a unha lacra social que só en 48 horas arrebatou a vida a catro mulleres e deixou orfos a catro menores.

Corenta e dúas mulleres foron asasinadas polas súas parellas ou exparellas no que vai de ano e suman un total 1.017 desde que empezaron a contabilizarse no 2003, uns datos que, segundo o goberno cedeirense, levan a solicitar a participación masiva da veciñanza no acto convocado para mañá venres na praza do Concello.

Néstor López Casas foi o gañador da quinta edición do concurso de pintura rápida “vila de Cedeira”

NÉSTOR LÓPEZ CASAS FOI O GAÑADOR DA QUINTA EDICIÓN DO CONCURSO DE PINTURA RÁPIDA “VILA DE CEDEIRA”

Un total de 20 artistas tomaron parte onte no concurso de pintura rápida organizado polo Concello de Cedeira, do que este ano resultou gañador Néstor López Casas, de Xixón, cunha obra na que se recolle un tramo do peirao da localidade.

O segundo premio foi para Carlos Espiga (Bilbao) -que optou por reproducir unha serie de embarcacións no porto perqueiro-, mentres que Benigno Rodríguez Sánchez (Xixón) se fixo con terceiro cunha paisaxe da ría. A organización do certame recaeu na concellería de Cultura. A súa titular, Ermitas García Ríos, presidiu acto de entrega de premios, no que destacou o elevado nivel das obras presentadas e o éxito dunha convocatoria que chegou este ano a súa quinta edición. O xurado estivo integrado polos pintores Adrián Taracido e Jane Danko e pola propia concelleira de Cultura.

O Concello repartiu entre os premiados un total de 1.800 euros, de maneira que o primeiro recibiu 800; o segundo 600 e o terceiro 400, ademais dos correspondentes diplomas.

Andrés Gabarres Cagiao foi o gañador da anterior edición dun certame aberto á participación de afeccionados e profesionais da pintura e co que se busca mostrar diferentes realidades dos recunchos máis coñecidos da vila de Cedeira. As obras premiadas pasan a ser propiedade do Concello.

As festas de Cedeira entran na súa recta final cos actos máis tradicionais do programa

AS FESTAS DE CEDEIRA ENTRAN NA SÚA RECTA FINAL COS ACTOS MÁIS TRADICIONAIS DO PROGRAMA

As Festas de Cedeira entrarán hoxe xoves nos tres últimos e máis esperados días dunhas celebracións que deron comezo o venres 9 e pecharán o sábado 17 coa tradicional romaría á ermida de San Antón de Corveiro.

O programa previsto para a xornada festiva de hoxe, 15 de agosto, arrincará ás 12.00 horas coa celebración da misa solemne cantada pola coral Virxe do Mar. A continuación sairá a procesión polas rúas da vila, que contará coa intervención da banda Vila de Cedeira no seu apartado musical. A actividade retomarase a partir das 19.30 horas coa disputa do Trofeo de fútbol Muebles e Carpintería García entre os equipos femininos do Racing de Ferrol e do CD Narón.

A praza do Floreal volverá a acoller hoxe, a partir das 20.00 horas, unha nova cita de “Seráns en Familia”, unha iniciativa do Concello de Cedeira especialmente dirixida ao público infantil pero aberta a toda a cidadanía. Nesta ocasión, a actuación correrá a cargo da compañía Rojo Telón, que representará a obra “Son elas”. Trátase dun espectáculo no que se xuntan as técnicas circenses coa poesía visual. Os intérpretes desenvolverán elementos aéreos (trapecio triple, telas…), ademais de realizar acrobacias no chan e verticais que forman parte dun xogo teatral que invita aos asistentes a gozar de imaxes de gran forza visual e dun espectáculo de circo contemporáneo, divertido e sensible.

A verbena arrincará ás 21.30 horas e contará coa actuación das orquestras “Nueva Fuerza” e “Principal”. A noite da patroa despedirase, como é tradicional, cunha gran sesión de fogos de artificio, que dará comezo ás doce da noite e na que se queimarán máis dun cento de quilos de pólvora.

O venres 16 é a xornada na que a xente da mar renderá homenaxe a súa patroa cunha misa ás 12.00 horas na igrexa parroquial e unha procesión marítima polas augas da ría. Coa celebración do trofeo de fútbol “O Amanexo”, entre os equipos As Somozas e Montañero, dará comezo o programa da tardiña e no que tamén se inclúe un festival de gaitas que, a partir das sete, terá lugar na praza do Floreal. A verbena, que será ás 23.00 horas, estará protagonizada polo grupo “Claxon”.

Coa celebración, o sábado, do coñecido como “Día da Xira” pecharán nove días de festa na vila de Cedeira, un programa que concluirá coa actuación das formacións “Os Claretes” e “Ardecasas”, a partir das 23.30 horas, na praza Roxa.