AS FESTAS DE CEDEIRA ENTRAN NA SÚA RECTA FINAL COS ACTOS MÁIS TRADICIONAIS DO PROGRAMA
As Festas de Cedeira entrarán hoxe xoves nos tres últimos e máis esperados días dunhas celebracións que deron comezo o venres 9 e pecharán o sábado 17 coa tradicional romaría á ermida de San Antón de Corveiro.
O programa previsto para a xornada festiva de hoxe, 15 de agosto, arrincará ás 12.00 horas coa celebración da misa solemne cantada pola coral Virxe do Mar. A continuación sairá a procesión polas rúas da vila, que contará coa intervención da banda Vila de Cedeira no seu apartado musical. A actividade retomarase a partir das 19.30 horas coa disputa do Trofeo de fútbol Muebles e Carpintería García entre os equipos femininos do Racing de Ferrol e do CD Narón.
A praza do Floreal volverá a acoller hoxe, a partir das 20.00 horas, unha nova cita de “Seráns en Familia”, unha iniciativa do Concello de Cedeira especialmente dirixida ao público infantil pero aberta a toda a cidadanía. Nesta ocasión, a actuación correrá a cargo da compañía Rojo Telón, que representará a obra “Son elas”. Trátase dun espectáculo no que se xuntan as técnicas circenses coa poesía visual. Os intérpretes desenvolverán elementos aéreos (trapecio triple, telas…), ademais de realizar acrobacias no chan e verticais que forman parte dun xogo teatral que invita aos asistentes a gozar de imaxes de gran forza visual e dun espectáculo de circo contemporáneo, divertido e sensible.
A verbena arrincará ás 21.30 horas e contará coa actuación das orquestras “Nueva Fuerza” e “Principal”. A noite da patroa despedirase, como é tradicional, cunha gran sesión de fogos de artificio, que dará comezo ás doce da noite e na que se queimarán máis dun cento de quilos de pólvora.
O venres 16 é a xornada na que a xente da mar renderá homenaxe a súa patroa cunha misa ás 12.00 horas na igrexa parroquial e unha procesión marítima polas augas da ría. Coa celebración do trofeo de fútbol “O Amanexo”, entre os equipos As Somozas e Montañero, dará comezo o programa da tardiña e no que tamén se inclúe un festival de gaitas que, a partir das sete, terá lugar na praza do Floreal. A verbena, que será ás 23.00 horas, estará protagonizada polo grupo “Claxon”.
Coa celebración, o sábado, do coñecido como “Día da Xira” pecharán nove días de festa na vila de Cedeira, un programa que concluirá coa actuación das formacións “Os Claretes” e “Ardecasas”, a partir das 23.30 horas, na praza Roxa.