Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

PARTICIPACION

O COMERCIO DE CEDEIRA REPARTE 2.600€ EN PREMIOS TRAS UNHA CAMPAÑA DE NADAL MOI POSITIVA

A mensaxe “Merca Cedeira” prendeu na vila nestas festas de Nadal. Os propios comerciantes apuntan que as vendas foron mellor que outros anos nesta campaña atípica na que os negocios de proximidade foron a referencia para toda a veciñanza. Os 140 establecementos que participaron no sorteo promocional organizado coa colaboración do Concello repartiron en total, do 5 de decembro ao 5 de xaneiro, arredor de 29.000 cupóns para a rifa de 24 premios por un valor total de 2.600€.

Segundo informou Ana Bouza, da Asociación de Comerciantes de Cedeira, na tarde do luns levouse a cabo do sorteo no salón de actos do consistorio, un acto no que estiveron presentes varios comerciantes xunto ao alcalde, Pablo Diego Moreda, e outros representantes municipais e cuxo vídeo vai colgarse hoxe na páxina de Youtube do Concello de Cedeira.

A comerciante destacou que practicamente todos os veciños e veciñas da vila participaron na rifa, dado que entre os 140 establecementos que colaboraron na promoción había desde perruquerías e outros servizos, ata todo tipo de comercios e tamén negocios de alimentación e hostalería. As ventas foron ben, explicou Ana Bouza, que achacou parte do éxito a que os peches perimetrais das cidades máis próximas, tanto Ferrol como A Coruña, concentraron as compras nos negocios locais.

O alcalde, Pablo Diego Moreda, expresou tamén a súa satisfacción polos bos resultados desta campaña, na que o Concello colaborou cuns 500 euros que cubriron todos os gastos de cartelería, logos, impresión das rifas, etc. “Foi un éxito moi grande, avanzamos cara ao obxectivo de que Cedeira sexa un referente na comarca non so para o turismo, senón tamén no comercio e na hostalería”, comentou o rexedor local. “Sabemos que a maioría dos establecementos venderon máis que outros anos e o temos que agradecer non so ao feito de que non se poidera ir a outras localidades, senón tamén á concienciación da veciñanza, á que lle temos que agradecer a súa aposta polos negocios de aquí”, dixo.

O sorteo repartiu os 2.600€ entre 24 premios: un deles de 500€, outro de 300€, dous de 200€, oito de 100€ e 12 de 50€, cuxos beneficiarios poderán gastar de aquí ao 28 de febreiro nos establecementos cedeireses.

A imaxe “Merca Cedeira” que a vila estreou neste Nadal foi creada no marco do programa de dinamización do comercio e a hostalería que está a desenvolver o Concello, co que tamén se lanzou unha campaña de promoción do consumo de proximidade a través dunha serie de carteis nos que se subliñaron os atractivos gastronómicos, naturais, paisaxísticos, etc, da localidade.

Vídeo do sorteo- Youtube:

APROBADO O NOVO CONVENIO COA ANPA O BECO

A Xunta de Goberno do Concello de Cedeira aprobou un novo convenio de colaboración coa ANPA O Beco, de nais e pais de alumnos do IES Punta Candieira. A través del, a institución municipal sufraga con 2.000€ os gastos de funcionamento e actividades da entidade, presidida por Beatriz Piñón, neste ano 2020.

O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, recordou que a colaboración co tecido asociativo é unha prioridade para o goberno local, por canto significa impulsar e dinamizar a vida social e cultural da localidade. Neste caso, as actividades que desenvolve a ANPA O Beco van dirixidas especialmente a promover a igualdade e potenciar valores como o coidado do medioambiente ou a promoción do uso eficiente e sostible das tecnoloxías da información e a comunicación.

O CONCELLO XUNTO CO COMERCIO E A HOSTALERÍA DA VILA ESTREAN A NOVA MARCA “MERCA CEDEIRA”

Co gallo do Nadal, o Concello xunto co comercio e a hostalería da vila acordaron a estrea da nova marca “Merca Cedeira”, creada ao abeiro do programa de dinamización destes sectores que o goberno local lanzou hai pouco co obxectivo de potencialos. A creación da nova imaxe de marca é parte dos primeiros traballos incluídos neste proxecto e os empresarios estiveron dacordo en que estas festas son a mellor ocasión para comezar a utilizala. Así, o Concello vai desenvolver unha campaña de promoción do consumo de proximidade empregando as mensaxes que xurdiron nas enquisas do devandito proxecto. A frase “Cedeira é” vai empregarse en diferentes carteis para subliñar que a vila é gastronomía, mar, tradición…

E coa mesma imaxe “Merca Cedeira” ponse en marcha a partir de hoxe o reparto de cupóns en 140 establecementos da vila para participar no sorteo de 2.600€ en premios. Haberá un premio de 500€, outro de 300€, dous de 200€, oito de 100€ e 12 de 50€, dotación aportada polos establecementos participantes na promoción. O sorteo será o 11 de xaneiro e nos vales, entre outros datos, os clientes terán que facer constar o seu número de teléfono, dado que este ano o acto non poderá ser presencial. Ao tempo que se acende a iluminación de Nadal, os comercios e a hostalería de Cedeira que participa na campaña “Merca Cedeira” adobiaranse con árbores de luces blancas, ao igual que xa fixeron o ano pasado.