Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

A XUNTA COMUNICA AO CONCELLO DE CEDEIRA QUE AS AUGAS DAS SÚAS PRAIAS TEÑEN UNHA CALIDADE “EXCELENTE”

A calidade das augas nos areais da Madalena e Area Longa acadou un ano máis a consideración de “excelente” no programa de control que realiza o Servizo Galego de Saúde. As praias de Cedeira manteñen por tanto a máxima calidade para o baño, tal como sucede desde o ano 2020, cara a nova tempada estival, segundo vén de comunicar a Xunta de Galicia ao Concello de Cedeira.

O programa de control do Sergas outorgara un insuficiente ás augas destas praias nos anos 2011, 2012 e 2014 e un suficiente en 2013. Despois a situación foi mellorando paulatinamente, cun suficiente de 2015 a 2017 e un ben en 2028 e 2019.

Na notificación que fixo chegar a Dirección Xeral de Saúde Pública ao Concello de Cedeira o pasado venres indícase que a administración local está obrigada a informar e difundir a calificación das augas de baño.

A ASOCIACIÓN DE MAIORES DE CEDEIRA VOLVE CELEBRAR A SÚA TRADICIONAL FESTA DOS MAIOS

A Asociación de Maiores de Cedeira volve a celebrar este ano, despois de dous anos de ausencia pola pandemia e coa colaboración do Concello, a Festa dos Maios. Será mañá no Auditorio Municipal, a partir das 20.00 horas, e na mesma cantarán e tocarán diferentes músicos de Cedeira.

A Asociación de Maiores colocará un maio grande no centro do escenario, así como outros dous máis pequenos nos laterais. Un grupo de socias serán as primeiras en subir ao escenario para cantar, e despois virán outras actuacións de diferentes veciños e veciñas, afeccionados á música e que cantan ou tocan diferentes instrumentos. Ao rematar a festa, servirán uns pinchos no segundo piso do Auditorio.

ANUNCIO DA “APROBACIÓN INICIAL DA ORDENANZA DE ADMINISTRACIÓN ELECTRÓNICA DO CONCELLO DE CEDEIRA”

O Pleno do Concello de Cedeira, en sesión ordinaria realizada o 30.03.2023, acordou a aprobación inicial da Ordenanza de Administración electrónica.

De conformidade co disposto no artigo 49 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, sométese o expediente a información pública polo prazo de trinta días, a contar dende o seguinte ao da inserción do presente anuncio no Boletín Oficial da Provincia e no taboleiro de anuncios do Concello, co fin de que os interesados poidan examinalo e presentar as reclamacións e suxerencias que estimen oportunas, encontrándose o expediente de manifesto na Secretaría do Concello durante o prazo sinalado. Así mesmo, estará a disposición dos interesados o texto da Ordenanza municipal no portal web do Concello (dirección: www.cedeira.gal).

De non presentarse reclamacións durante o citado prazo, a Ordenanza considerarase definitivamente aprobada.

DESCARA PDF Anuncio BOP Aprobación inicial da Ordenanza de Administración electrónica do Concello de Cedeira

DESCARA PDF Ordenanza de Administración electrónica do Concello de Cedeira