Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

O AUDITORIO MUNICIPAL ACOLLE ESTE SÁBADO, 15 DE XULLO, O XXVI FESTIVAL DE MÚSICA CORAL E HABANERAS

A Asociación cultural Virxe do Mar organiza outro ano máis xunto coa colaboración do Concello o XXVI Festival de Música Coral e Habaneras. O evento musical, que é gratuíto, celebrarase este sábado, 15 de xullo, ás 19 horas no Auditorio Municipal (rúa María Mediadora, esquina rúa Convento).

Este ano o evento é máis especial, pois conmemora tamén os 26 anos da Coral Virxe do Mar, que celebra unhas vodas de prata que por mor da pandemia non se puideron celebrar antes. A Coral Virxe do Mar comezou en 1997, e ata a actualidade ofreceu concertos e actuacións en diferentes puntos de Galicia e en varias Comunidades Autónomas de España, así como en cidades europeas como Praga. Actualmente integran a agrupación arredor de 25 coralistas, que recibirán un pequeno detalle no evento como mostra de agradecemento polo compromiso e entrega coa Coral.

Este ano participarán no concerto, ademais da Coral Polifónica Virxe do Mar, de Cedeira, dúas agrupacións de Ferrol: a Coral Polifónica de Caranza e a Rondalla Añoranzas. Cada unha interpretará un total de cinco cancións.

O CASTELO DA CONCEPCIÓN E O PARQUE DE SAN ISIDRO ACOLLERÁN CONCERTOS DA SÉTIMA EDICIÓN DO FESTIVAL “JAZZ DE RÍA”

Onte tivo lugar a presentación da sétima edición de “Jazz de Ría”, que ofrecerá concertos e diferentes actividades gratuítas do 18 ao 21 de agosto en varias localidades da Costa Ártabra. O Castelo da Concepción e o parque de San Isidro son os dous lugares elixidos para celebrar os concertos desta edición no municipio de Cedeira.

Este evento, que conta cun longo percorrido noutras localidades da comarca, chega a Cedeira por segunda vez para encher a vila de música jazz. O alcalde, Pablo Moreda, expresou a súa satisfacción de que o festival volva a celebrarse en Cedeira, dado o gran éxito que tivo na edición pasada.

O domingo 20 de agosto será a quenda de Cedeira onde, de forma previa ás actuacións musicais, realizarase un roteiro turístico polo Sarridal. Ás 18.30 horas será a andaina, que partirá do Porto de Cedeira ata o Castelo da Concepción, onde ás 19.30 horas terá lugar a actuación cos relatos musicados de ‘Amares’, na que Rilo & Penadique recrean historias de mulleres do mar.

E ás 21.30 horas será o momento de Xosé Miguélez e Jean-Michel Pil no parque de San Isidro. O saxofonista galego Xosé Miguélez presenta un novo proxecto chamado “Contradictio”. Faino en cuarteto xunto co pianista francés Jean-Michel Pilc e os portugueses Carlos Barretto no contrabaixo, e o batería Marcos Cavaleiro.

O festival pretende buscar o equilibrio entre o jazz galego e o jazz estatal, apostando tamén pola colaboración entre artistas e festivais doutros lugares. Ademais, ten como obxectivo converter á comarca de Ferrolterra nun área de referencia dentro do mapa dos festivais de jazz, pero non só a nivel musical, senón tamén como un atractivo turístico.

A ASOCIACIÓN DE VECIÑOS DE PIÑEIRO RECUPERA O SEU POPULAR CONCURSO DE TORTILLAS

A Asociación de Veciños da Parroquia de Piñeiro organiza a sexta edición da Festa – Concurso de Tortillas, que se recupera tras varios anos sen celebrarse a causa da pandemia. Terá lugar este venres, 14 de xullo, a partir das 18 horas no Escolar de Piñeiro.

O concurso busca non só a presentación da clásica tortilla (con ovos e pataca, con ou sen cebola), senón tamén a orixinalidade e a innovación nas receitas participantes. A inscrición debe facerse por WhatsApp ao 629 867 810 // 643 52 51 18, e a data límite é o mércores 12 de xullo.

O evento comezará o venres ás 18 horas coa presentación das tortillas, e ás 20.30 horas farase a valoración do xurado coa posterior entrega de premios. A mellor tortilla será premiada con 100€, a segunda posición con 75€ e o terceiro posto con 50€. O xurado estará composto por Rufino López, hostaleiro cedeirés propietario de restaurantes tan coñecidos como o Solera en Nova Iork, onde deu de comer a persoeiros como Laura Bush ou Robert de Niro; o alcalde de Cedeira, Pablo Moreda, e unha das gañadoras das pasadas edicións, Belén Martínez.

Ademais, a xornada estará amenizada coa actuación da cantante Almudena, e haberá unha degustación das tortillas seguida da posterior cea, que incluirá empanada, tortilla, churrasco, bebida, bola de azucre, café e queimada. O prezo para os socios é de 15€, e os non socios, 20€. Os participantes no concurso están exentos de pagar a cea.