Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

O pleno de Cedeira aproba unha moción en defensa da sanidade pública

O PLENO DE CEDEIRA APROBA UNHA MOCIÓN EN DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA

O pleno de Cedeira aprobou na súa última sesión unha moción en defensa da sanidade pública. O asunto saíu adiante cos votos a favor do goberno municipal (PSOE, BNG e Anova), mentres que o PP votaba en contra por non recoñecer nin a existencia do conflito no sector da sanidade nin as demandas que se veñen esixindo por parte do Concello, da veciñanza e mesmo dos profesionais do centro de saúde de Cedeira, para garantir unha correcta atención primaria no centro asistencial da localidade, segundo declarou a primeira tenente de alcalde, María Xosé Rodríguez Pérez.

Coa aprobación da iniciativa, o Concello solicita á Xunta que rectifique a súa política con respecto a este dereito universal de maneira que incremente o orzamento destinado a sanidade, que convoque as prazas vacantes, que elimine as listas de espera e que elabore un plan de Mellora da Atención Primaria cunha dotación inicial de 200 millóns de euros.

Na lista de peticións tamén figura a necesidade de reverter as privatizacións e a xestión propia dos servizos sanitarios, a eliminación dos copagos farmacéuticos e a mellora con recursos e prestacións da asistencia sanitaria no ámbito local coa “contratación de substitutos facultativos de medicina xeral, de atención pediátrica e en xeral de todo o persoal preciso para manter o número de profesionais activos e garantir así o mellor servizo á cidadanía”.

Entre outros argumentos, o equipo de goberno expone que “a gravísima deterioración da sanidade pública é un dos temas que máis alarma social está a provocar na sociedade galega”, que “converter o dereito á saúde nun negocio para grupos afíns” é o obxectivo da política sanitaria que Núñez Feijóo está a aplicar desde a Xunta”, ademais de cuantificar en 2.188 millóns de euros os recortes acumulados desde o 2009 e de destacar a unanimidade que existe entre sindicatos, colexios profesionais, plataformas sanitarias, organizacións profesionais e doentes en denunciar a grave deterioración que están a provocar as políticas sanitarias do PP. No caso de Cedeira, esta postura crítica tamén se está a traducir en concentracións semanais diante do centro de saúde, unha convocatoria que conta habitualmente coa presenza de membros do equipo de goberno.

O Concello persónase contra o concelleiro Vilela Santalla, ao que o xulgado acusa de malversación

O CONCELLO PERSÓNASE CONTRA O CONCELLEIRO VILELA SANTALLA, AO QUE O XULGADO ACUSA DE MALVERSACIÓN

O Concello de Cedeira tomou o acordo de personarse na causa aberta polo Xulgado contra o concelleiro Alfredo Vilela Santalla por un delito de malversación. Vilela está acusado de simultanear, durante o mandato 2011-2015, a dedicación exclusiva como concelleiro-delegado de Atención Cidadá, Servizos, Mantemento e Obras coa dirección e administración “de facto” da súa empresa de construción con sede na vila de Cedeira.

A decisión, que resultou aprobada no pleno de onte cos votos do equipo de goberno (PSOE, BNG e Anova) e co abandono do PP da sesión para non ter que pronunciarse sobre o asunto pola súa amizade con Alfredo Vilela, obedece ás consultas e informes emitidos polo secretaría do Concello, o despacho Lamas y Abogados e o servizo de asistencia xurídica da Deputación. Todos coinciden na necesidade de personarse no procedemento a efectos de exercer a acción civil tendente á restitución, reparación do dano e indemnización polos prexuízos causados, cuantificados en 112.000 euros.

O equipo de goberno, que subliña “a responsabilidade dos cargos públicos de denunciar e perseguir os delitos dos que poden ser coñecedores para no incorrer en prevaricación”, pon de manifesto que o Concello actúa en calidade de “prexudicado” patrimonialmente polos supostos cobros indebidos. Tamén fai constar que se está a actuar en defensa dos intereses dos cedeirenses e como consecuencia do requirimento formulado no seu día desde o Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción de Ortigueira solicitando ao Concello que manifestase se se persoa como parte no procedemento ou, polo contrario, renuncia ás accións na súa condición de prexudicado na causa contra o exconcelleiro, que formou parte da corporación no último mandato do PP no Concello de Cedeira.

O día 9 de xullo do ano 2011 Alfredo Vilela Santalla presentou, a efectos da súa toma de posesión como concelleiro, declaración sobre causas de posible incompatibilidade, indicando que non concorría ningunha das descritas no artigo178 da LOREG. Posteriormente, e mediante unha resolución da Alcaldía, o día 20 de xullo do 2011, actúase a favor de Vilela Santalla outorgándolle as delegacións municipais de Atención Cidadá, Servizos, Mantementos e Obras. Finalmente, o día 29 dese mesmo mes o pleno recoñeceulle a dedicación exclusiva, pola que percibiría un importe anual bruto de 28.000 euros.

De resultar probada a causa que o xulgado ten aberta contra o concelleiro este terá que devolver o que cobrou ao erario público cedeirense, reiterase desde o goberno municipal.

Convocadas as axudas da Deputación a entidades deportivas 2019

CONVOCADAS AS AXUDAS DA DEPUTACIÓN A ENTIDADES DEPORTIVAS 2019

No día de onte, 20 de febreiro, publicáronse no Boletín Oficial da Provincia (BOP) as resolucións coa convocatoria por parte da Deputación da Coruña das seguintes axudas a entidades deportivas sen ánimo de lucro.

Nas seguintes ligazóns pode acceder ás respectivas publicacións no BOP da convocatoria das axudas:

IR Á LIGAZÓN Programa de subvencións a entidades deportivas sen ánimo de lucro, para o desenvolvemento de grandes eventos deportivos singulares de especial interese na provincia durante o 2019 (FO103D/2019)

IR Á LIGAZÓN Programa de subvencións a entidades deportivas da provincia, sen ánimo de lucro, para investimentos e equipamento deportivo durante o ano 2019 (FO104/2019)

IR Á LIGAZÓN Programa de subvencións para clubs deportivos da provincia, sen ánimo de lucro, con equipos ou deportistas que participen en competición federada de ámbito nacional ou internacional durante o ano 2019 (FO103C/2019)

IR Á LIGAZÓN Programa de subvencións para clubs deportivos da provincia, sen ánimo de lucro, con equipos ou deportistas que participen en competición federada de ámbito local, provincial ou autonómico durante o ano 2019 (FO103B/2019)

IR Á LIGAZÓN Programa de subvencións a entidades da provincia, sen ánimo de lucro, para a realización de actividades de fomento da actividade física e do deporte durante o ano 2019 (FO103A/2019)