Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

O III Festival de música Galego-Portuguesa vén con aperitivo e co fado como fío condutor do programa

O III FESTIVAL DE MÚSICA GALEGO-PORTUGUESA VEN CON APERITIVO E CO FADO COMO FÍO CONDUTOR DO PROGRAMA

O Festival de Música Galego-Portuguesa “Traz tambén outro amigo”, que organiza o Concelllo de Cedeira, chega a súa terceira edición cun amplo e novedoso programa de actividades e co fado como fío condutor dunha iniciativa que arrancará este sábado, día 1, e que terá continuidade ao longo da seguinte semana, do 3 ao 9 de xuño. Todo o programa é de libre acceso e os concertos de balde.

A primeira xornada, que se desenvolverá baixo o título de “Trazexpandido”, dará comezo ás 20.00 horas no auditorio municipal coa presentación do proxecto poético musical “O colo das palabras”. Esta iniciativa reunirá sobre o escenario ao escritor Antón Cortizas e ao ilustrador Leandro Lamas, co acompañamento musical de Óscar e Silva Fojo e do colectivo musical Fatado do Colo (Leandro Lamas, Lorena Montero, Silvia, Paula e Óscar Fojo).

Esta primeira toma de contacto coa música galego-portuguesa rematará coa actuación do dúo “Falua” (Sara de Sousa e Gom de Abadin) no auditorio municipal, a partir das nove da noite, e co sorteo dunha acuarela entre os asistentes que Leandro Lamas elaborará durante a actuación.

Logo deste singular comezo, o día 3 arrancará a segunda parte do programa, no IES Punta Candieira, que terá como punto de partida a actividade “Conversamos sobre lingua con…” e na que o escritor Antón Cortizas falará da “Anatomía da lingua”. Tamén inclúe un obradoiro que, baixo o título “A lingua é a nossa Vantagem”, correrá a cargo dos membros da Associaçom Galega da Língua. Participarán alumnos da ESO e mesmo de 1º de Bacharelato.

O xoves, día 6, o Festival de Música Galego-Portuguesa trasladarase á Sala Áncora coa charlaconcerto “Pessoa e o fado: fontes para un proxecto pop-rock” de Gonçalo Guerreiro, mentres que o venres será o hotel Herbeira o que acollerá unha charla na que tomarán parte Ana Pinhal, cantante no grupo Fado Violado, e o músico Javier Carrasco. A cita dará comezo ás 19.00 horas. A xornada do venres rematará co festival “Cedeira canta fados” que, a partir das 22.00 horas, reunirá no auditorio as seguintes formacións musicais: Coral Eixil, Acordeóns de Cedeira, Cantareiras de Buxainas e Fado Norte” e que tamén dará lugar, a partir das 23.00 horas, á actuación do grupo galego “Clave de Fado”.

A xornada matinal do sábado 8 de xuño estará centrada na intervención na que o investigador permanente na Cátedra Internacional José Saramago da Universidade de Vigo, Burghard Baltrusch, trazará un pequeno panorama da historia lusófona. Será ás doce do mediodía na biblioteca do auditorio municipal. Ese día a música chegará, pasadas as 22.30 horas, ao auditorio municipal da man do dúo portugués “Fado violado“.

O III Festival de Música Galego-Portuguesa rematará o domingo na sede da Confraría de Pescadores coa constitución formal da Rede da GaliLusofonía, unha entidade que agrupa a entidades portuguesas e galegas “com os objetivos de juntar esforços, coordenar-se e cooperar na difusao de iniciativas encaminhadas a situar a Galiza noseu espaço natural linguístico-cultural, a lusofonia, com grande potencial noutros campos como o económico e o institucional”. A despedida musical correrá a cargo da agrupación “Canto d´aquí” (Braga) e da banda Vila de Cedeira que, a partir das 19.30 horas, actuarán no auditorio de Cedeira.

Aviso de corte do tráfico nas estradas Cariño-Mera e Ferrol-Viveiro

AVISO DE CORTE DO TRÁFICO NAS ESTRADAS CARIÑO-MERA E FERROL-VIVEIRO

Con motivo da celebración do Campeonato de España de Media Maratón Máster, e seguindo as indicacións da DGT e da Dirección Provincial da Garda Civil de Tráfico, infórmase á cidadanía de que mañá sábado 25 de maio estableceranse os seguintes cortes na circulación pola estrada CP-6121 (Cariño-Mera) e a AC-862 (Ferrol-Viveiro):

  • Ás 16.45 horas pecharanse as saídas de Ortigueira e Cariño pola AC-862 e a CP 6121, respectivamente. A vía alternativa recomendada de saída e entrada a Cariño será sempre a CP 2205 (Cariño-San Andrés de Teixido-Cedeira).
  • Ás 17.10 horas pecharase a CP 6121 en Mera dirección Cariño, e non voltará a ser aberta ata a fin da proba.
  • Estímase que sobre ás 18.15 horas a estrada AC 862 quedará totalmente aberta ó tráfico.
  • A estrada CP 6121 irase abrindo segundo vaia transcorrendo a proba no tramo Mera-Cariño.

Todos os horarios son estimados, podendo variar en función do que no seu momento determinen as autoridades supramunicipais responsables do tráfico.

En todo caso recoméndase que na medida do posible non se empregue o coche, e de ter que facerse evitar os períodos conflitivos (16.45 h -19.40 horas aproximadamente).

Cedeira avanza cara ao proxecto construtivo do futuro centro de día

CEDEIRA AVANZA CARA AO PROXECTO CONSTRUTIVO DO FUTURO CENTRO DE DÍA

O goberno de Cedeira segue a dar pasos cara á construción dun centro de día para cubrir unha necesidade dos veciños e veciñas de máis idade.

Hoxe mesmo a concelleira de Cultura e Turismo, María Xosé Rodríguez Pérez, e máis o titular da Concellería de Deportes, Nicolás Vergara, reuníronse con técnicos da Xunta para confrontar opinións con respecto ao proxecto construtivo elaborado polos servizos técnicos municipais. Este encontro responde á colaboración brindada no seu día polo responsable do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, no sentido de traballar coordinadamente para garantir a realización do proxecto.

A reunión foi moi positiva, segundo apuntou a responsable de Cultura, xa que houbo case unha total sintonía cos representantes da Xunta. Trataríase dun edificio de nova construción e planta baixa, situado ao pé da estación de autobuses, en terreos de propiedade municipal. Aínda sen cuantificar, a edificación acollería dúas zonas perfectamente delimitadas, de maneira que había unha específica para persoal e servizos e outra dedicada exclusivamente aos usuarios. Dúas salas de rehabilitación, unha cociña, un almacén e un gran salón comedor son algúns dos servizos que nun futuro poderán utilizar as persoas maiores que acudan ao centro de día de Cedeira.