Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

O grupo Teatro Semente inaugura este sábado en Cedeira o Ciclo de Teatro Amador

O GRUPO TEATRO SEMENTE INAUGURA ESTE SÁBADO EN CEDEIRA O CICLO DE TEATRO AMADOR

O grupo Teatro Semente inaugurará este sábado en Cedeira o Ciclo de Teatro Amador que, organizado pola agrupación local Teatro da Vila, conta coa colaboración do Concello, da Deputación e da AVV de Piñeiro para promocionar a cultura a través das artes escénicas da man de actores non profesionais. Nesta ocasión, Teatro Semente representará a obra Falsas denuncias.

O auditorio municipal acollerá unha actividade que dará comezo ás 20.00 horas e que está recomendada para maiores de 16 anos. O custo da entrada é de 2 euros.

“Falsas denuncias” aborda o problema social da violencia de xénero. Escrita e dirixida por Carlos Basoa, a peza dá lugar á intervención dun grupo de vítimas doutros tempos que reflexionan sobre o pasado, o presente e o futuro da muller. Da xustiza, os métodos e os veredictos, tamén se fala nunha obra que se estreou o día 25 de novembro do ano 2017.

O goberno de Cedeira inviste na conservación da biblioteca coa obra de pintura exterior do edificio

O GOBERNO DE CEDEIRA INVISTE NA CONSERVACIÓN DA BIBLIOTECA COA OBRA DE PINTURA EXTERIOR DO EDIFICIO

O goberno de Cedeira acomete obras de pintura exterior na biblioteca pública López Cortón, por considerar que “poñen en valor a zona vella, favorecen a conservación do edificio e completan as melloras xa realizadas”, segundo apuntou o alcalde, Pablo Moreda Gil.

Os traballos xa están en marcha desde hai uns días e corren a cargo da empresa Agustín González Carro. O investimento supera os 6.655 euros.

A deterioración que presentaban as paredes exteriores da biblioteca facía imposible demorar por máis tempo a realización das obras. Estas, ademais de mellorar a estética, dotarán o edificio dunha protección antihumidade para garantir a súa conservación e contribuirán a poñer en valor un dos edificios máis singulares do casco antigo da vila. Cabe recordar que a súa construción primixenia se remonta ao século XVIII e que foi sede consistorial durante moitos anos.

O proxecto contratado axudará así mesmo a facer máis atractivo, e polo tanto máis visible, un servizo público que o goberno municipal sempre quere revitalizar, motivo que tamén estivo detrás dun investimento de máis de 200.000 euros en melloras de accesibilidade e funcionamento. A instalación dun ascensor, a renovación do mobiliario e o uso das novas tecnoloxías LED foron só algunhas das obras acometidas na recta final do anterior mandato.

Máis recentemente, tamén foron debuxadas a faciana e versos de Rosalía de Castro nas fachadas posterior e principal, respectivamente, do edificio da biblioteca municipal. Ningún destes traballos desaparecerán coa execución da obra que agora se atopa en proceso de realización.

Consulta do censo electoral e reclamacións

CONSULTA DO CENSO ELECTORAL E RECLAMACIÓNS

Ante a vindeira convocatoria de Eleccións a Cortes Xerais o día 10 de novembro de 2019, e en cumprimento da Lei Orgánica 5/1985 do Réxime Electoral Xeral, de 19 de xuño, o Concello de Cedeira manterá un servizo de consulta do Censo Electoral e permanecerá exposta ao público a relación de Mesas e Colexios Electorais deste Municipio do 30 de setembro ao 7 de outubro do 2019 de 9.00 a 14.00 horas.

A consulta do Censo Electoral levarase a cabo de forma presencial, polo propio/a interesado/a, acreditándose mediante DNI, pasaporte, ou permiso de conducir no que apareza a fotografía do/a titular.

Non obstante, poderá exercer o seu dereito á consulta a través dos teléfonos da Oficina do Censo Electoral: 981 27 74 39 // 981 21 74 26 // 901 101 900

Advírtese da conveniencia de consultar as listas electorais por aquelas persoas que cumpriron recentemente 18 anos de idade, así como os que cambiaron de enderezo nos últimos meses.

Dentro do prazo indicado calquera persoa poderá formular reclamacións sobre os seus datos censais. As reclamacións poderán presentarse directamente na Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral ou a través deste Concello, onde tamén se lles facilitarán os correspondentes impresos de reclamacións.