Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O goberno de Cedeira inviste na conservación da biblioteca coa obra de pintura exterior do edificio

O GOBERNO DE CEDEIRA INVISTE NA CONSERVACIÓN DA BIBLIOTECA COA OBRA DE PINTURA EXTERIOR DO EDIFICIO

O goberno de Cedeira acomete obras de pintura exterior na biblioteca pública López Cortón, por considerar que “poñen en valor a zona vella, favorecen a conservación do edificio e completan as melloras xa realizadas”, segundo apuntou o alcalde, Pablo Moreda Gil.

Os traballos xa están en marcha desde hai uns días e corren a cargo da empresa Agustín González Carro. O investimento supera os 6.655 euros.

A deterioración que presentaban as paredes exteriores da biblioteca facía imposible demorar por máis tempo a realización das obras. Estas, ademais de mellorar a estética, dotarán o edificio dunha protección antihumidade para garantir a súa conservación e contribuirán a poñer en valor un dos edificios máis singulares do casco antigo da vila. Cabe recordar que a súa construción primixenia se remonta ao século XVIII e que foi sede consistorial durante moitos anos.

O proxecto contratado axudará así mesmo a facer máis atractivo, e polo tanto máis visible, un servizo público que o goberno municipal sempre quere revitalizar, motivo que tamén estivo detrás dun investimento de máis de 200.000 euros en melloras de accesibilidade e funcionamento. A instalación dun ascensor, a renovación do mobiliario e o uso das novas tecnoloxías LED foron só algunhas das obras acometidas na recta final do anterior mandato.

Máis recentemente, tamén foron debuxadas a faciana e versos de Rosalía de Castro nas fachadas posterior e principal, respectivamente, do edificio da biblioteca municipal. Ningún destes traballos desaparecerán coa execución da obra que agora se atopa en proceso de realización.