Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

Obradoiro de xeración de proxectos relacionados co mar

O GALP da Mariña-Ortegal e o Concello de Cedeira organizan para o vindeiro 6 de novembro na biblioteca da cafetería do auditorio un obradoiro de xeración de proxectos relacionados co mar cuxo obxectivo é poñer en contacto as confrarías e o tecido asociativo coas empresas do sector. A iniciativa inclúese no proxecto “Gobermar, impulso da gobernanza no sector pesqueiro da Mariña-Ortegal” e dará comezo ás seis da tarde, cunha duración de dúas horas. Precisamente no acto daranse a coñecer as finalidades deste proxecto, un resumo do traballo de campo realizado, as liñas de financiamento abertas e algúns exemplos de iniciativas xa desenvolvidas, para deseguido realizar un debate.

A Concellería de Promoción Económica e Emprego de Ortigueira anima a asciacións, empresas, confrarías, emprendedores e persoas relacionadas dalgún xeito co mar a participar, para o que é necesario inscribirse en gobermar.marinaortegal@gmail.com.

Cedeira inviste máis de 53.000 euros en catro novas intervencións na rede viaria

O Concello de Cedeira investirá máis de 53.000 euros en mellorar a rede viaria municipal con asfaltados nun total de 2.605 metros de lonxitude nos camiños Piñeiro, O Campón, A Pasada e Os Edreiros.

As obras serán executadas pola empresa Excavaciones Saavedra y López SL, adxudicataria do proxecto, e principalmente consistirán na limpeza de gabias, en tratamentos semiprofundos e na aplicación dunha capa de macádam de quince centímetros nos tramos que se atopen en peor estado de conservación.

O camiño de Piñeiro, que ten unha lonxitude de 360 metros e un ancho de 3,5 metros, presenta na actualidade algunhas fochancas nun firme a base de macádam e rego asfáltico. A obra contratada dará homoxeneidade a toda a superficie coa aplicación de tratamentos semiprofundos e rego de selado. Unha actuación moi similar é a que se levará a cabo no camiño O Campón, que ten 630 metros de longo e conta cun ancho de tres metros.

Unha maior dificultade presenta a intervención que se executará no camiño da Pasada, cuxa lonxitude supera o quilómetro e, ademais, está dividida en dous tramos de 450 e 600 metros. Este último é de macádam con rego asfáltico, mentres que o inicial é de saburra. As actuacións que se executarán consistirán nas substitucións do macádam por tratamento semiprofundo, rego superficial e selado no tramo principal e a saburra por unha capa de 15 centímetros de macádam e os regos correspondentes no de 450 metros.

A lonxitude do camiño Os Edreiros supera os 560 metros e o seu estado actual require un tratamento a base de macádam para eliminar as fochancas que se concentran nun tramo de 100 metros.

As intervencións agora contratadas levaranse a cabo antes de que finalice o ano e financiaranse con cargo ao Fondos Feder, participados pola administración local e Xunta de Galicia.

O alcalde, Pablo Moreda Gil, destacou a intención do goberno de Cedeira de seguir invistindo, ao longo de todo o mandato, no arranxo de camiños públicos para garantir a seguridade viaria e mellorar a comunicación dentro do territorio. O rexedor quixo agrader, así mesmo, a colaboración que o executivo local vén atopando no movemento asociativo para programar e executar os proxectos que son máis urxentes. Moreda Gil tamén pediu desculpas por adiantado aos veciños e veciñas que poidan verse afectados por este conxunto de catro actuacións.

O concurso de tapas de outono comeza hoxe en 13 locais de hostalería de Cedeira

Costela de porco con champiñóns; arroz cremoso de boletus, castaña e cristal de grelos con crocante de castaña; tosta de cogomelos e gulas, e milfollas de lombo con champiñóns, compota de mazá de tempada, queixo e crocante de panceta son só catro das tapas que veciños e visitantes poderán degustar esta fin de semana en trece establecementos de hostalería da vila de Cedeira.

Son os participantes na segunda edición do concurso de Tapas de Outono co que o goberno municipal busca exaltar os produtos locais de tempada e máis darlle visibilidade á hostalería da localidade.

As consumicións, a modo de petisco, serviranse desde as 20.30 horas de hoxe venres ata as catro da tarde do domingo, día 27. O prezo por unidade será de 1,5 euros.

O xurado estará formado polas persoas que proben as tapas e para poder participar só é preciso cubrir a tarxeta de votación que haberá en todos os locais participantes.

A organización establece o feito de degustar cinco propostas distintas para poder emitir o voto. Serán os propios encargados dos locais os que terán que selar ou asinar a tarxeta de votación para validala e, aínda que se recomenda probar todos os petiscos e conseguir o maior número de selos, só será posible votar por cinco dos locais visitados. Non se pode repetir unha puntuación, que vai de 1 a 5 puntos e só se admitirá unha tarxeta por persoa sempre que cumpran os requisitos esixidos.

Todos aqueles que participen cun voto válido serán incluídos no sorteo dunha cea para dúas persoas no local gañador do concurso.